O sindicato dos gandeiros e dos agricultores
O sindicato elixe unha nova Comisión Executiva Comarcal encabezada por Enrique García como secretario comarcal e María Páez como vicesecretaria. UUAA personificou en distincións a 3 persoas o recoñecemento ó traballo dos afiliados
O Congreso Comarcal de Ourense central de Unións Agrarias, que se está a celebrar a mañá de hoxe na Casa de Cultura de Verín, elixiu á nova Comisión Executiva Comarcal do sindicato. A Comisión Executiva, máximo órgano de dirección na zona entre Congresos, contará como secretario xeral con Enrique García Fernández, sendo María Páez a vicesecretaria xeral.
A lista complétana José Antonio Afonso Rodríguez como secretario de Organización; Andrés Alonso e Gonzalo Cao como secretarios de Gandeiría (Vacún de carne); Santiago Barja e Hipólito Prieto como secretarios de Gandeiría (Vacún de leite), María Nieves Fernández, como secretaria de Gandeiría (Sector ovino); Ramón Salgado e Edmundo González, como secretarios de Agricultura (sector viño), e José Fernández e Carlos González, como secretarios de Agricultura (sector pataca).
O Congreso, que tamén elixiu ós representantes do Comité Comarcal e ós representantes de Ourense central no Comité Nacional Galego de Unións Agrarias, contou coa asistencia de arredor de 150 persoas, entre delegados e invitados.
Durante o Congreso, aprobouse o informe de xestión presentado polo secretario comarcal saliente, José Ramón González, e distintos integrantes da executiva de Unións Agrarias fixeron un repaso polos logros colleitados e polos retos de futuro pendentes, facendo especial fincapé na necesidade de conseguir uns prezos dignos para os produtos do agro.
No acto, a Comisión Executiva saínte quixo recoñecer de xeito especial o papel que está a xogar o traballo dos afiliados na mellora da agrogandeiría de Ourense central, facendo personificación de tal recoñecemento en tres persoas. Unha das distincións entregóuselle a María Ángeles Rodríguez Domínguez, que non puido estar presente por estar a traballar na súa explotación, en recoñecemento do traballo capital e moitas veces invisible que desenvolven as mulleres no agro. Outro dos recoñecementos foi para Rudesindo Casas, pola súa traxectoria sindical, en recoñecemento do traballo que sempre desenvolveu no sector da pataca; e a última distinción foi para Carlos Cid, presidente da cooperativa vitivinícola Terras do Cigarrón, polo impulso a unha idea emprendedora como foi a constitución dunha cooperativa con base social de pequenos e medianos viticultores na denominación de orixe de Monterrei.
©Copyright 2005 Unións Agrarias - UPA
Doutor Maceira, 13 - Baixo - 15706 Santiago de Compostela
Tlf.: +34 981 530 500 Fax: +34 981 531 724 unionsagrarias_upagalicia@upa.es