Unións Agrarias - UPA

O sindicato dos gandeiros e dos agricultores

Congresos comarcais - UUAA traballará por manter o entramado económico e social das máis de 4.500 explotacións que hoxe traballan na gandeiría na Terra Cha

Uns 200 afiliados elexiron hoxe en Vilalba a José María Campo secretario xeral do sindicato. O sindicato defende medidas que aseguren rendas dignas en leite e carne, a posta en marcha dun contrato social e o incremento de ingresos polo aluguer ou expropiación de solares eólicos

Unións Agrarias renovou hoxe a súa comisión executiva na Terra Cha no Congreso Comarcal que tivo lugar hoxe en Vilalba. O obxectivo do novo equipo é traballar nos próximos anos para axudar a evitar que abandonen o medio rural os traballadores agrarios das máis de 4.500 explotacións que hoxe están diseminadas por este territorio. A Terra Cha non se pode permitir perder máis gandeiros, pois son a base laboral, económica e social dos nove concellos (máis de 5.000 REASS, o 35% dos que cotizan hoxe á Seguridade Social).

José María Campo Castro é o novo secretario xeral de Unións Agrarias na comarca. Douscentos afiliados optaron por unha executiva comarcal que tamén conta con Julio Guntín (Organización), Manuel Rubén Pérez (Administración), Milagros Cazón (Muller), José Ramón Chao (Gandaría), Constantino Gil (Gandaría), Lidia Gómez (Agricultura), Ana María Canto (Desenvolvemento Rural), Dolores Pérez (Desenvolvemento Rural), Manuel Amil (Producións Intensivas) e José Luís Souto (Servizos).

Durante os próximos anos, o novo equipo fará fincapé na defensa da explotación familiar en canto que garante a fixación de poboación no medio rural e a xestión do territorio, cos conseguintes beneficios sociais e medioambientais. Os prezos percibidos polos produtores no rural nos diferentes sectores (leite e carne, principalmente nesta comarca.) axústanse cada vez máis ós custos de produción e mesmo chegan a situarse en niveis inferiores. Unións Agrarias avoga pola posta en marcha de instrumentos eficaces para negociar e configurar prezos en orixe. Paralelamente, o sindicato aposta pola xeración de rendas complementarias no medio rural, nomeadamente as ligadas ó sector forestal e á transformación de produtos agrarios:

- Incorporar o monte ó desenvolvemento rural. Unións Agrarias entende que se fai precisa a posta en produción do monte galego, de xeito que contribúa á xeración de riqueza no medio rural e a controlar o problema dos incendios forestais.

- O negocio eólico debe repercutir no propietario dos terreos onde se ubican os muiños. Os 11.000 veciños da Terra Cha, propietarios de terreos onde se ubican instalacións eólicas, cobran ó ano tan so o 1% dos 162 millóns de € que xenera o negocio na comarca. Perciben un prezo risible polas súas terras (aluguer, venda ou expropiación). Ventonoso, ligado a Unións Agrarias, defende que os solares eólicos, que as empresas pagan como rústicos a particulares e comunidades de montes, deberían repercutir socioeconómicamente ata dez veces máis.

- O contrato social é unha figura que se utiliza en Francia e que o goberno autonómico está impulsando coa participación do sector agrario en Asturias. O obxectivo que persigue é manter aos gandeiros e agricultores no medio rural desenvolvendo unha actividade agraria que está vencellado a unha forma de vida. Unións Agrarias cre que este modelo se pode instaurar en Galicia e por iso insta a Medio Rural a asinar un acordo coas explotacións da comarca da Terra Cha polo que se comprometen a seguir no medio rural, mentres que a administración se compromete a darlle unha axuda económica por un período de cinco anos se cumpre os obxectivos de manter o territorio (evita lumes e o abandono) e producir alimentos de calidade.

©Copyright 2005   Unións Agrarias - UPA

Doutor Maceira, 13 - Baixo - 15706 Santiago de Compostela

Tlf.: +34 981 530 500 Fax: +34 981 531 724   unionsagrarias_upagalicia@upa.es