Unións Agrarias - UPA

O sindicato dos gandeiros e dos agricultores

Acción sindical - Unións Agrarias constitúe a sectorial apícola co obxectivo de canalizar as demandas dos apicultores ante as Administracións

Os apicultores definirán en próximas reunións os problemas prioritarios para os que necesitan respostas da Xunta e do Ministerio. Prepárase un documento base para trasladarllo á Xunta

Unións Agrarias-UPA constituiu hoxe en Viana do Bolo a sectorial apícola galega da organización nun acto no que participaron preto dun cento de apicultores de Ourense oriental e do sur de Lugo. A sectorial apícola nace co obxectivo de canalizar ante as Administracións as demandas dos apicultores, facendo visibles os problemas dun dos sectores agrarios tradicionalmente máis esquecidos nas políticas institucionais. Na constitución da sectorial, participaron Félix Porto, secretario de Gandeiría de Unións Agrarias; Antonio Prieto, responsable da sectorial apícola estatal de UPA e María Páez, vicesecretaria de Unións en Ourense occidental.

A reunión de hoxe xa serviu para que o responsable da sectorial estatal de UPA, Antonio Prieto, e os apicultores da zona comezaran a intercambiar impresións e puntos de vista sobre os problemas do sector apícola a nivel estatal e sobre os problemas concretos de Galicia. A mortandade e o despoboamento das colmeas, os tratamentos sanitarios, a situación do mercado ou as axudas existentes noutras comunidades para o sector apícola foron algúns dos asuntos abordados na mañá de hoxe. O responsable da sectorial apícola estatal comprometeuse a trasladar os problemas analizados ante o Ministerio de Agricultura, así como a colaborar coa sectorial apícola galega na elaboración dun documento base de demandas que se lle trasladará á Consellería de Medio Rural.

O responsable da sectorial apícola estatal de UPA, Antonio Prieto, apicultor en Extremadura, destacou a posibilidade que teñen os apicultores galegos de incidir ante a Xunta e ante o Ministerio en normativas como o Plan Apícola Nacional ou nas axudas con fondos europeos.

Coa constitución da sectorial apícola, Unións busca a unión dos apicultores galegos, tanto dos profesionais como dos non profesionais, para definir en conxunto os problemas prioritarios e canalizar ante as Administracións as correspondentes demandas. UPA xa vén traballando desde fai máis de 20 anos a nivel estatal no sector, con interlocución directa tanto co Ministerio de Agricultura como coa Unión Europea. Tras a constitución en Galicia da sectorial apícola de Unións Agrarias-UPA, a organización tamén desempeñará ese papel de interlocución e diálogo coa Xunta.

Nas próximas semanas, Unións convocará máis reunións na zona para que os apicultores definan en conxunto os problemas prioritarios que precisan de solucións e medidas por parte das Administracións. A sectorial de Unións está aberta á incorporación de produtores de toda Galicia.

No acto de creación da sectorial, Unións Agrarias incidiu en que a sectorial apícola non pretende suplir a ningunha das asociacións xa existentes na comunidade.

©Copyright 2005   Unións Agrarias - UPA

Doutor Maceira, 13 - Baixo - 15706 Santiago de Compostela

Tlf.: +34 981 530 500 Fax: +34 981 531 724   unionsagrarias_upagalicia@upa.es