Unións Agrarias - UPA

O sindicato dos gandeiros e dos agricultores

Douscentos afiliados elixiron en Lugo a Manuel Chousa como Secretario Xeral da Comarca

De paso adiante calificou o Secretario de Gandeiría, Felix Porto, o acordo asinado en Santiago de Compostela entre organizacións agrarias, industrias e administración, durante o I Congreso Comarcal de Unións Agrarias en Lugo. “Non é un gran acordo, pero é un primeiro paso para evitar que sexan as industrias lácteas as que fixen o prezo do leite.”, comentou o secretario de Gandeiría que tamén asegurou que “non debemos entrar nas provocacións dalgunhas industrias que, despois de asinar un acordo histórico onte en Santiago, buscan calquera excusa para desmarcarse e seguir impoñendo o prezo a pagar aos produtores”. Para Porto é prioritario negociar o prezo a pagar aos gandeiros nos próximos meses na mesa do leite que a Consellería de Medio Rural convocou para tal fin o próximo xoves, día 22 de marzo.

“A factura única e o observatorio de prezos lácteos de Galicia que se consensuaron o xoves 15 en Santiago de Compostela deben ser instrumentos para dar transparencia e poñer en igualdade de condicións a gandeiros e empresas na negociación, algo que o sindicato ven reclamando históricamente”, finalizou Porto no I Congreso no que foi elexido Manuel Chousa como Secretario Comarcal de Unións Agrarias.

Xunto a este veciño do Corgo estarán Julio Antonio Iglesias Abuin (Organización), José Rodríguez Blanco (Administración), Ángel Luis López García (Gandeiría), Juan López Freire (Produción Intensivas), Blanca Gorgosa Lamela (Muller), José Ángel Regueiro Real (Agricultura e Producións Ecolóxicas) e Emerita Murujosa Castro (Desenvolvemento Rural). Manuel Chousa, agradeceu a confianza que os afiliados puxeron na nova executiva. “Temos que manter reunións periódicas para analizar os problemas sectoriais da comarca para trasladalo á sociedade”, comentou.

Na súa intervención, o Secretario de Gandeiría tamén defendeu a posta en marcha do contrato social para apuntalar as explotacións con rendas baixas. “Non podemos olvidar que o 60% das explotacións de leite e o 80% das de carne están por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional, persoas que coidan do medio ambiente e que evitan os lumes”, argumentou Felix Porto.

Pola súa parte, o responsable do sector avícola, Javier López, informou de que, por primeira vez, se consensuou a nivel nacional un contrato de integración no que se rexen as condicións contractuais e de traballo para os produtores de polos e no que tivo moito que ver a participación de Unións Agrarias. E a nivel autonómico, recordou que se creou a mesa avícola. “Ábrese un novo horizonte para o sector porque hai un compromiso do goberno galego para acadar unhas condicións dignas para os 800 avicultores galegos, dos que 190 están en Lugo”.

O Secretario de Desenvolvemento Rural, Jacobo Feijoó, comprometeuse a que UUAA loitará por conseguir que no medio rural os agricultores e gandeiros teñan mellores rendas e máis servizos. “No campo vivimos do noso traballo e debemos sumar rendas complementarias coa enerxía eólica, da que recibimos poucos ingresos mentres outros se enriquecen, da enerxía solar ou dinamizando os montes veciñais, moitos deles abandonados”, dixo Jacobo Feijoó.

©Copyright 2005   Unións Agrarias - UPA

Doutor Maceira, 13 - Baixo - 15706 Santiago de Compostela

Tlf.: +34 981 530 500 Fax: +34 981 531 724   unionsagrarias_upagalicia@upa.es