O sindicato dos gandeiros e dos agricultores
A detención de cinco persoas por explotación laboral nos labores de carga pon de manifesto unha situación que a organización denunciou reiteradamente nos últimos anos na Interprofesional. A contratación do servizo é responsabilidade das compañias integradoras.
A detención a semana pasada de cinco persoas en diferentes lugares das provincias de Pontevedra e Lugo por unha presunta explotación laboral en granxas avícolas pon de manifesto unha situación que Unións Agrarias vén denunciando en repetidas ocasións nos últimos anos diante das empresas integradoras e na Interprofesional de Madrid: estas compañías subcontratan a terceiros os labores de carga que obrigatoriamente despois pagan os produtores.
Unha vez máis, Unións Agrarias incidirá neste problema na próxima reunión da Interprofesional para evitar que isto volva a suceder, por dúas razóns de peso:
1. Os explotados, na súa maioría inmigrantes, carecían de calquera tipo de contrato, non estaban dados de alta na Seguridade Social e algúns tampouco tiñan permiso de residencia, circunstancias que esta rede aproveitaba para impoñerlles condicións laborais e económicas inaceptables.
2. Ante a falta de contratos ou documentos que proben a relación contractual entre as integradoras e esta rede, e incluso entre a firma subcontratada e os traballadores, a responsabilidade civil dos labores de carga pode recaer nos avicultores (Exemplo: se un dos traballadores sufrira un accidente na granxa, ¿quen sería o responsable?).
Unións Agrarias solicitará de novo na próxima reunión da Interprofesional que as empresas integradoras asuman directamente a responsabilidade civil dos labores derivados da carga nas granxas avícolas (o máis lóxico sería crear equipos especializados na carga, vinculados directamente a estas firmas). E ante a reiteración do delito, o sindicato pídelle ás administracións seriedade e axilidade na resolución do problema, dado que as detencións non serven de nada cando os presuntos culpables volven ás andadas.
A mediados de febreiro do 2005 e 2006, o sindicato xa denunciara esta situación (producíranse dúas operacións policiais contra a explotación laboral de inmigrantes na recollida de polos). Aínda así, nin as compañías integradoras nin as administracións adoptaron medidas para evitar esta explotación laboral que tamén afecta ós avicultores galegos. É o que é máis grave é que a persoa que responde as iniciais J.I.L.M. de 57 anos, detido o pasado 2 de xuño en Pontevedra, estivo imputado en tódalas operacións, sen que, polo de agora, se adoptaran medidas efectivas para impedir que siga actuando.
©Copyright 2005 Unións Agrarias - UPA
Doutor Maceira, 13 - Baixo - 15706 Santiago de Compostela
Tlf.: +34 981 530 500 Fax: +34 981 531 724 unionsagrarias_upagalicia@upa.es