Unións Agrarias - UPA

O sindicato dos gandeiros e dos agricultores

Unións Agrarias considera que as axudas ós produtores de polos constitúen un primeiro paso para paliar as perdas do sector

O Comité de Xestión da UE autorizou unhas axudas de cinco millóns de euros para o sector avícola español, unha cifra que se queda claramente por debaixo da proposta de Unións Agrarias, asumida polo Ministerio de Agricultura nas súas negociacións coa UE. O Ministerio, en base as estimacións de perdas transmitidas polo sindicato, solicitou das institucións europeas unhas axudas de 18 millóns de euros. O montante total quedouse ó final en só 5 millóns de euros, dos que 2,5 serán aportados pola UE e outros 2,5 polo Ministerio.

Unións Agrarias entendía que eran precisos 0,38 euros por polo non producido, unha cifra que compensaría tanto o descenso da produción como a caída dos prezos abonados en orixe ó avicultor.A UE, finalmente, decidiu que só aportaría 0,20 euros por polo non producido, unha cifra moi por baixo das perdas experimentadas polo sector. Por esta razón, nas reunións co MAPA, o sindicato acordou a necesidade de manter aberta a posibilidade de solicitar novas axudas para o sector. Neste senso, Unións Agrarias entende que tamén é preciso que a Consellería de Medio Rural aporte orzamentos para apoiar as medidas aprobadas por Bruxelas e cofinanciadas polo Ministerio de Agricultura nun 50%.

O próximo luns 26 de xuño, nunha reunión co MAPA, establecerase a norma que regulará o marco legal nacional para a xestión e concesión das axudas a percibir polos produtores. Para o cálculo dos polos que se deixaron de producir nos últimos sete meses á raíz da crise, Unións propuxo realizar unha comparativa do periodo 2004-2005 (do 1 de maio do 2004 ó 30 de abril do 2005) co periodo 2005-2006 (do 1 de maio do 2005 ó 30 de abril do 2006). Para cuantificar os polos que se deixaron de producir, cada explotación deberá presentar as liquidacións dos periodos 2004-2005 e 2005-2006, así como o libro de rexistro de explotación. O Ministerio tamén lle presentará en breve ó sector produtor un borrador de norma de regulación de contratos de integración.

A crise empezou en outubro

A crise da gripe aviar comezou no Estado en torno a outubro do 2005, cando a equivocada percepción dos consumidores sobre o risco da gripe aviar provocou unha reducción de consumo, que pouco a pouco se foi recuperando. As industrias decidiron entón acometer unha reducción de producción para paliar a súa vez o descenso de vendas. A diminución de produción conseguiuse a través de tres medidas: as compañías reduciron nun dez por cento a densidade das camadas, incrementaron o tempo de baleiro sanitario en dez días, pasando de 12 a 22 días, e aumentaron tamén os días de crianza, pasando de 48 a 56, cando está comprobado que a partir dos 48 días os polos non gañan máis peso.

Así, nos últimos meses os produtores tiveron que reducir a súa produción e á vez, sufriron un descenso no prezo percibido por cada polo. Para paliar estas perdas, o Consello Europeo decidiu o mes pasado autorizar as axudas directas ós avicultores, cun financiamento do 50 por cento por parte da UE e do 50 por cento por parte de cada estado membro.

©Copyright 2005   Unións Agrarias - UPA

Doutor Maceira, 13 - Baixo - 15706 Santiago de Compostela

Tlf.: +34 981 530 500 Fax: +34 981 531 724   unionsagrarias_upagalicia@upa.es