O sindicato dos gandeiros e dos agricultores
O responsable de avicultura de Unións Agrarias, Javier López, reunirase con representantes de Propollo a próxima semana para avanzar nas negociacións do contrato tipo que debe regular as relacións contractuais entre o sector produtor e as empresas integradoras. Javier López é optimista é espera que o Real Decreto Lei de contratos de integración entre en vigor no ano 2007 co obxectivo de acadar un maior equilibrio na relación contractual entre o integrador e o integrado, recoñecendo as obrigas e as responsabilidades de cada un e para marca as pautas para resolver posibles conflictos entre as partes (a través da creación dunha xunta arbitral).
A nivel de Estado nin en Galicia non existe unha norma destas características, fundamental para equilibrar as relacións entre empresas integradoras e produtores integrados que ultimamente están deterioradas polas decisións unilaterais das industrias. Nesta liña, Javier López lamenta o comportamento de determinadas empresas do sector, sobre todo das multinacionais, de baixar o prezo ós avicultores. Sobre todo están experimentando con novas estirpes o que provoca rendementos inferiores e menos ingresos porque se descoñece o comportamento dos animais durante o período de cebo. “Estes experimentos páganos os produtores cando deben pagalos os que queren facelos, neste caso as industrias”, asegura Javier López.
Tramitación das axudas
Unións Agrarias está tramitando a tódolos avicultores de Deza e Tabeirós – Terra de Montes, as axudas excepcionais de apoio do mercado no sector avícola. As axudas pretenden paliar os efectos que o descenso do consumo provocado pola aparición de casos de influenza aviaria no sureste asiático e en diversos países da UE, tivo sobre os prezos en orixe das explotacións profesionais, unhas cen na zona. Con respecto ó resto do Estado, na comarca as cuantías serán inferiores porque o descenso do consumo en Galicia fóra inferior ó Estado (un 10% sobre un 8% na nosa comunidade).
Nestes momentos, os técnicos de Unións Agrarias atopan dificultades para conseguir o certificado das industrias para demostrar a perda de merma entre outubro de 2005 e abril de 2006, período no que se constatou a baixada de consumo que as industrias repercutiron nos produtores cunha menor entrada de polos e un incremento do vacío sanitario. Ante esta situación, Javier López pediulle ás integradoras colaboración e celeridade na emisión destes certificados para poder tramitar tódolas axudas antes da data límite (20 de outubro).
Por outro lado, o sindicato está aconsellando a tódolos profesionais do sector a que acudan ás sedes do Unións Agrarias en Galicia ou ás oficinas agrarias comarcais ou provinciais, dependentes da Xunta de Galicia, para axilizar a tramitación con tempo suficiente e en forma. Estas axudas, que só van destiñadas ás explotacións integradas, son necesarias para paliar, en parte, as perdas que sufriron os profesionais avícolas, polo que non parece lóxico que se esixan as mesmas axudas para as granxas de autoconsumo. Sería irracional.
©Copyright 2005 Unións Agrarias - UPA
Doutor Maceira, 13 - Baixo - 15706 Santiago de Compostela
Tlf.: +34 981 530 500 Fax: +34 981 531 724 unionsagrarias_upagalicia@upa.es