O sindicato dos gandeiros e dos agricultores
MAPA e Medio Rural fanlle o xogo á industria por non regular as relacións do sector. A axuda media de 2.000 euros por granxa, que habilitou Europa tras baixar o consumo pola gripe aviaria, non frea a perda de renda dos produtores que cobran 5 céntimos menos por ave desde outubro de 2005
As axudas que habilitou Europa para paliar as perdas polo descenso do consumo de polo tras a crise mediática da gripe aviaria, foron unha boa noticia para os produtores galegos que viron reducida a súa produción nun 8% entre outubro de 2005 e abril de 2006. Pero os 2.000 € que cobraran de media en axudas non freará a perda de renda destes profesionais que viron reducido o prezo en cinco céntimos por ave (2,2 céntimos por quilo) desde o inicio da crise ata hoxe. Recuperouse o mercado, pero non o prezo ó produtor e non se acaba de concretar o tan esperado, negociado e discutido nos últimos dous anos Real Decreto de Contratos de Integración para estabilizar as relacións contractuais.
Nunha clara connivencia coa industria, tanto o Ministerio de Agricultura como a Consellería de Medio Rural veñen incumprindo sistemáticamente as súas promesas de regular as relacións contractuais entre as industrias integradoras e os avicultores. As empresas deciden non so o prezo das aves, senón a estirpe que debe criar o avicultor, o penso, as táboas de transformación... todo o necesario para impoñer na relación contractual as condicións que máis lle interesen. Unións Agrarias denunciou unha e outra vez estas prácticas e esperaba que, coa chegada ó goberno de forzas progresistas e, teoricamente, máis próximas ós sectores máis débiles, o MAPA e Medio Rural impulsaran a norma que prometeron con regras de xogo democráticas e xustas para o sector.
Desde que se produciu o cambio de goberno en 2004, UUAA reiterou a súa demanda dunha norma de contratos de integración. O MAPA adquiriu o compromiso desde un principio que, públicamente, renovou en Futuravic, unhas xornadas a nivel de Estado celebradas en Nogueira de Ramuín (Ourense) a finais de xuño. Hai contactos no sector, pero as empresas integradoras teñen bloqueada a negociación e o MAPA está desaparecido, non sabemos se por falta de decisión política ou por simple connivencia coas empresas integradoras.
E se existise unha lei autonómica como a catalana, poderíase evitar a baixada de prezos actual. Neste sentido, o Conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, tamén se comprometera a impulsar unha norma diante de máis de 300 avicultores nas VI Xornadas da Avicultura de Carne de UUAA en Silleda hai un ano (12 de novembro de 2005). A pesar de reiteradas cartas enviadas desde o sindicato con posterioridade, Medio Rural enmudeceu. UUAA sabe da aposta e o cariño que Suárez Canal ten pola súa terra, Ourense, e polo desenvolvemento das súas empresas punteiras, pero espera que esta simbiose non sexa a razón do seu silencio.
UUAA tramitou máis de 350 expedientes de axudas pola influenza aviaria
UUAA tramitou 350 expedientes de axudas ós produtores para paliar as perdas pola baixada de consumo pola crise da gripe aviaria. O responsable do sector avícola, Javier López, califica de positivas as axudas ós profesionais porque “cubre a merma real de produción, en contra do que di algún sindicato que as tacha de irrisorias por reducidas e porque non atende as granxas que crían para autoconsumo”. Por outro lado, UUAA lamenta o comportamento de determinadas empresas, sobre todo das multinacionais, que meten novas estirpes o que provoca rendementos inferiores e menos ingresos (descoñécese o comportamento dos animais durante o período de cebo). “Estes experimentos páganos os produtores cando deben pagalos os que queren facelos, neste caso as industrias”, asegura Javier López.
©Copyright 2005 Unións Agrarias - UPA
Doutor Maceira, 13 - Baixo - 15706 Santiago de Compostela
Tlf.: +34 981 530 500 Fax: +34 981 531 724 unionsagrarias_upagalicia@upa.es