Unións Agrarias - UPA

O sindicato dos gandeiros e dos agricultores

A Interprofesional Avícola aproba a implantación dos contratos tipo para regular a relación entre avicultores e industrias

A Interprofesional Avícola aprobou hoxe por unanimidade a implantación de contratos tipo para regular a relación entre os avicultores e as industrias. A posta en marcha dos contratos, impulsada por Unións Agrarias-UPA, posibilitará maiores garantías de calidade tanto nos piensos como nos polos; así como a concreción por escrito dos dereitos e obrigas das compañías avícolas e dos produtores. A sinatura de contratos tipo convertirase en obrigatoria en canto se publique no Boletín Oficial do Estado (BOE) a orde ministerial que os regula, un trámite que previsiblemente se resolverá na primavera.

A aprobación do contrato tipo, negociada durante os últimos anos, ratificouse na mañá de hoxe na Interprofesional Avícola (Propollo), un órgano no que están tódalas partes representativas do sector. Polas organizacións agrarias profesionais, participan na Interprofesional Unións Agrarias-UPA, Coag e Asaja. Unións Agrarias leva máis dunha década loitando por unha regulación do sector e mantivo durante todo este tempo sucesivas negociacións coa Administración e coas empresas.

O contrato que agora ve a luz permitirá rematar coas endémicas carencias que padeceu o sector produtor nas últimas tres décadas, pondo fin á situación actual, na que os avicultores teñen obrigas pero non dereitos.

Os contratos tipo implantaranse a través dunha orde ministerial amparada na Lei de Interprofesionais; é dicir, os contratos constituirán unha extensión da norma de obrigado cumprimento para tódalas empresas, estean ou non dentro da Interprofesional Avícola. Os contratos especificarán cuestións como características dos polos e días de crianza, calidades dos piensos –con indicación expresa das características no etiquetado tanto nos piensos de arranque como nos de engorde- ou a pesaxe obrigatoria de animais e piensos, sendo esixible por parte do avicultor un certificado de calibrado da báscula.

No acordo da Interprofesional establécese tamén que a responsabilidade civil da carga dos polos será en exclusiva das industrias, unha reivindicación histórica dos produtores. A densidade dos polos por granxa definirase de acordo coa lexislación vixente (Real Decreto de Ordenación de la Avicultura de Carne), que determina o número de polos máximo en función de factores como características das instalacións ou a estación do ano.

Unha comisión de seguemento, constituida de xeito paritario por avicultores e industrias, velará polo axeitado cumprimento dos contratos; en tanto que o Ministerio de Agricultura efectuará unha arbitraxe independente cando a comisión non chegue a acordo. O acordo da Interprofesional establece un sistema de indemnizacións para os casos de incumprimento.

Logo da aprobación dos contrato tipo a nivel estatal, Unións proporalle á Xunta a elaboración dunha normativa específica para Galicia, de xeito que se poidan ter en conta as singularidades da comunidade (media de produción inferior á estatal, características climatolóxicas distintas, etc.). Unións agarda que a Mesa Galega de Avicultura da Carne, que se creará este venres froito dun acordo entre o sindicato e Medio Rural, inclúa no seu plan de traballo esta cuestión.

©Copyright 2005   Unións Agrarias - UPA

Doutor Maceira, 13 - Baixo - 15706 Santiago de Compostela

Tlf.: +34 981 530 500 Fax: +34 981 531 724   unionsagrarias_upagalicia@upa.es