Unións Agrarias - UPA

O sindicato dos gandeiros e dos agricultores

A Mesa Galega de Avicultura de Carne fixa un plan de traballo que inclúe a proposta de Unións de abrir unha liña de axudas ligadas á bioseguridade

A creación da Mesa Galega de Avicultura de Carne constitúe un feito histórico para o sector avícola da comunidade, pois trátase da primeira ocasión en que produtores, industrias e Administración se xuntan para establecer un plan de traballo conxunto. Na reunión constituinte da Mesa en Santiago fixáronse os obxectivos do órgano, entre os que figuran as principais propostas de Unións. O sindicato avogou na Mesa por implantar en Galicia un contrato tipo específico para a comunidade, suxeriu a creación dun observatorio de prezos e defendeu asímesmo a necesidade de abrir unha liña de axudas ligadas a cuestións de bioseguridade e medioambiente, de xeito que as explotacións avícolas se poidan adaptar ó Real Decreto de Ordenación Avícola, de setembro do 2005.

A Mesa de Avicultura, logo da reunión do venres 23, xuntarase de novo nun mes para comezar a concretar o plan de traballo esbozado. Un dos primeiros obxectivos pasa pola elaboración dun contrato tipo que regule as relacións entre os avicultores galegos e as compañías avícolas. A nivel estatal, a Interprofesional Avícola (Propollo) aprobou o pasado mércores, tras anos de reivindicacións dos produtores, o primeiro contrato tipo co que contará o sector.

A implantación do contrato tipo a nivel estatal, que se fará efectiva en canto saia a correspondente orde ministerial no Boletín Oficial do Estado, constitúe unha oportunidade para aplicar en Galicia un contrato que se adapte á especificidade do sector na comunidade.

A Interprofesional Avícola aprobou por unanimidade o pasado mércores o modelo de contrato tipo. O acordo trasladaráselle esta semana ó Ministerio de Agricultura coa petición de extensión de norma, de acordo co artigo 8 da Lei de Interprofesións, e coa solicitude de homologación do citado contrato, para a súa posterior publicación como orde ministerial no Boletín Oficial do Estado.

Unións propuxo tamén na Mesa da Avicultura que a aplicación do Real Decreto de Ordenación Avícola, de setembro do 2005, vaia ligado a determinadas axudas que permitan a adaptación das explotacións ós requerimentos de bioseguridade e de medidas hixiénico-sanitarias que inclúe o Real Decreto. O sindicato tamén lle trasladou á Administración a necesidade de buscar saídas para os estercos producidos polas granxas avícolas.

©Copyright 2005   Unións Agrarias - UPA

Doutor Maceira, 13 - Baixo - 15706 Santiago de Compostela

Tlf.: +34 981 530 500 Fax: +34 981 531 724   unionsagrarias_upagalicia@upa.es