O sindicato dos gandeiros e dos agricultores
AAdministración autonómica puxo en marcha axudas para paliar os danos non forestais provocados polos incendios comprendidos entre os días 4 e 14 de agosto. Poderanse solicitar ata o 6 de outubro. O Goberno central tamén concederá indemnizacións complementarias.
Danos en explotacións agrarias:As indemnizacións da Consellería de Medio Rural cubren os danos en maquinaria e equipamento agrícola-forestal que estivera participando en tarefas de colaboración da extinción dos incendios; os danos en explotacións agrarias e gandeiras; a morte de gando; a queima de terreos adicados a forraxes ou a pastos; e os danos en infraestructuras privadas situadas en terreos forestais (camiños, captación de augas, bebedoiros. Poderán solicitar estas axudas os titulares de explotacións agrarias ou as Comunidades de Montes Veciñais en Man Común titulares de gando.
Danos en Tecores: As sociedades de caza poderán solicitar axudas para sementar cereais nas superficies afectadas polos incendios. O proxecto, que frearía a erosión do chan e permitiría a recuperación do hábitat cinexético, acometeríao a Consellería de Medio Ambiente tras a sinatura dun convenio coa sociedade de caza. O importe máximo subvencionable é de 600 euros por hectárea.
Danos en vivendas: Nas residencias habituais, a Administración sufragará a totalidade dos custos de reparación, en tanto que nas vivendas secundarias aportará ata o 40 por cento. A Consellería de Vivenda tamén indemnizará o 100 por cen do enxoval doméstico danado.
Danos en negocios turísticos: A Consellería de Innovación e Industria destinou 300.000 euros para paliar as cancelacións sufridas por todos os negocios inscritos no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas. Os establecementos deberán acreditar a formalización de reservas e as posteriores cancelacións.
Danos en industrias: As industrias e negocios mercantís que se viran afectados polos incendios forestais entre o 4 o 14 de agosto poderán solicitar axudas para a reparación de danos. Industria consignou un millón de euros para paliar as perdas no sector.
Danos persoais: A Consellería de Economía indemnizará con 18.000 euros ós familiares de víctimas mortais dos incendios e entregará entre 60 e 103 euros por día de hospitalización ós que sufriran lesións ou feridas, a parte das indemnizacións que poida entregar polos danos físicos sufridos.
©Copyright 2005 Unións Agrarias - UPA
Doutor Maceira, 13 - Baixo - 15706 Santiago de Compostela
Tlf.: +34 981 530 500 Fax: +34 981 531 724 unionsagrarias_upagalicia@upa.es