O sindicato dos gandeiros e dos agricultores
Unións Agrarias calcula de xeito provisional a perda de renda dos veciños do rural en 245 millóns de euros. O sindicato solicita a convocatoria da Mesa da Madeira. Unions considera que Administración e industrias deben evitar o desánimo no propietario forestal
Finalizada a vaga de lumes que asolou Galicia, Unións Agrarias (UUAA) considera que é tempo de presentar as primeiras valoracións e propostas en positivo de cara a evitar que cunda o desánimo e o pesimismo entre os propietarios e as comunidades de montes afectadas. En primeiro lugar, Unións Agrarias propón que a Administración e a Industria forestal, de xeito conxunto, adopten medidas que garantan prezos xustos para a madeira queimada, o que evitaría unha perda sensible de rendas para os habitantes do rural, e solicita apoios directos para a recuperación e posta en produción das zonas calcinadas. O sindicato considera que tamén se lle debería facilitar ós propietarios o acceso a un seguro forestal que cubrira alomenos os custes de reforestación no caso de incendios forestais.
No que respecta á madeira queimada, Unións solicita unha pronta convocatoria da Mesa da Madeira co obxectivo de que a Administración e a Industria se comprometan cos propietarios a buscar unha saída xusta para a madeira afectada polos incendios, que se estima, cos datos provisionais, en 5,3 millóns de metros cúbicos. Nun ano normal, tálanse no monte galego en torno a 6 millóns de metros cúbicos. Unións aposta por medidas que eviten o afundimento de prezos que provocaría a entrada non programada de millóns de metros cúbicos de madeira queimada no mercado, unha situación que, de producirse, repercutiría no desánimo dos propietarios e nun maior abandono da xestión forestal por parte dos afectados. Tal abandono ocasionaría consecuencias irreversibles para o futuro do monte galego e da propia industria forestal.
A organización considera que unha das liñas que se ten que estudiar é a de subvencionar con fondos da UE o transporte de madeira queimada a centros de transformación industrial de fóra de Galicia, sobre todo no caso de que a industria galega non asumira o compromiso de transformar todo o volume de madeira queimada. No ano 1999, logo dun temporal que tirou con bosques enteiros nas Landas francesas, as autoridades galas subvencionaron con fondos europeos a saída da madeira que non podía absorber a industria local, de xeito que os pinos franceses chegaron incluso ós aserradoiros galegos.
Unións Agrarias entende asímesmo que, neste momento crítico para o mundo rural, a Administración debe asumir un papel de reguladora e garante de mercado, actuando na corta de madeira verde e procurando limitar a súa tala en tanto non se teña extraido toda a madeira queimada. O colectivo advirte da necesidade de extraer do monte o antes posible todas as árbores afectadas polos incendios por un dobre motivo, sanitario e económico. A madeira queimada constitúe un veículo ideal para a propagación de plagas e enfermidades no monte, polo que se convirte en pouco tempo nun problema de sanidade vexetal que afecta á madeira verde e ó resto dos bosques. Doutro lado, a degradación da madeira queimada repercute nunha maior perda de renda para os propietarios.
Unha vez retirada a madeira queimada, Unións Agrarias considera prioritaria a recuperación mediante a reforestación das superficies afectadas, aínda que se deberá proceder de xeito conxunto a unha planificación axeitada que evite a repetición de erros pasados, fomentando por exemplo o asociacionismo forestal, de xeito que se poñan en marcha superficies mínimas viables para o aproveitamento forestal e infraestruturas preventivas.
Unións Agrarias propón tamén que a Administración impulse definitivamente fórmulas de seguros forestais que cubran os custes de reforestación no caso de incendio.
Perdas
Unións cifra provisionalmente en 245 millóns de euros as perdas sufridas polos veciños do rural. Desta cantidade, 236 millóns de euros corresponderían a perdas forestais e 9 millóns de euros a perdas agrogandeiras.
No cálculo dos 236 millóns de euros das perdas forestais, téñense en conta factores como a posible depreciación que sufrirá a madeira queimada e sobre todo, as perdas derivadas de cortar a madeira antes de que chegue o seu turno de corta ideal, é dicir, antes de que a árbore teña o diámetro, o peso e a calidade que permitirían maiores ingresos.
©Copyright 2005 Unións Agrarias - UPA
Doutor Maceira, 13 - Baixo - 15706 Santiago de Compostela
Tlf.: +34 981 530 500 Fax: +34 981 531 724 unionsagrarias_upagalicia@upa.es