Unións Agrarias - UPA

O sindicato dos gandeiros e dos agricultores

Desenvolvemento rural- Unións Agrarias oponse á instalación de tres minas de cuarcita que Erimsa pretende ubicar na Terra Cha

O sindicato apoiará aos colectivos chairegos e aos concellos que rexeitaron este proxecto diante da administración e que pode acabar co modo de vida de centos de familias

Unións Agrarias quere amosar a súa total oposición a un proxecto de instalación de tres minas de cuarcita na Terra Cha e apoiará as accións dos dez colectivos (asociacións de veciños, cooperativas, organizacións ecoloxistas...) e aos concellos que pelexarán en contra dunha actividade que diezmará unhas 5.000 hectáreas de terreos onde se ubican numerosas explotacións gandeiras. O sindicato estudia nestes momentos iniciar accións legais para defender aos afiliados que contan coas súas propiedades afectadas por este proxecto.

O obxectivo da organización é impedir que unha actividade económica lesiva para os hábitats naturais e de economía tradicional poida acabar coa riqueza medioambiental desta comarca e finiquite tamén o modo de vida de centos de familias dos concellos de Cospeito, Castro de Rei, Abadín, Vilalba e A Pastoriza. Ademais, a perda das terras por parte dos gandeiros agravará o despoboamento, un fenómeno que se está a mitigar nesta comarca grazas ao esforzo dos profesionais agrarios que apostan por manterse na produción de leite e carne a pesar das dificultades. Unha explotación destas dimensións o único que fará é animar aos habitantes a abandonar o medio rural.

Precisamente nos últimos días, os responsables de Unións Agrarias na Terra Cha están recibindo numerosas consultas de afiliados que amosan a súa contrariedade ante a posibilidade de que poidan quedar sen as súas parcelas, tan necesarias para o mantemento da actividade agraria. Ante esta situación, o sindicato cre que o goberno galego debe revisar a súa última decisión de permitir o desenvolvemento dun proxecto que afectará á actividade agraria, o principal sostén económico dos municipios afectados.

©Copyright 2005   Unións Agrarias - UPA

Doutor Maceira, 13 - Baixo - 15706 Santiago de Compostela

Tlf.: +34 981 530 500 Fax: +34 981 531 724   unionsagrarias_upagalicia@upa.es