Unións Agrarias - UPA

O sindicato dos gandeiros e dos agricultores

Unións propón a creación dun contrato social para remunerar os servizos medioambientais que o agro lle presta á sociedade

Unha de cada tres explotacións ‘profesionais’ de Galicia, unhas 16.800, xestionadas por Agricultores/as a Título Principal (Atp), dispoñen duns ingresos por baixo do salario mínimo interprofesional (8.000 euros), o que revela altas probabilidades de abandono da actividade en gran parte dos/as profesionais galegos/as. Tendo en conta a actual situación do agro e do rural, Unións Agrarias considera que é precisa a implantación da figura do contrato social para as explotacións de leite, carne e viño, cunha gran incidencia sobre o territorio. O contrato social sería un instrumento para pagar os beneficios medioambientais e sociais que o mantemento da actividade das explotacións agrogandeiras lle aporta ó conxunto da sociedade, e que actualmente non son remunerados polo mercado.

Unións suxire que o contrato social, para o que se propón un un pago de 3.000 a 6.000 euros anuais, se suscriba entre a Administración e a explotación por un periodo de 5 anos. Unha parte base da aportación corresponderíase cun pago polos beneficios medioambientais que xera a explotación, en tanto outras partes complementarias ligaríanse a actividades adicionais, por exemplo en traballos de prevención de incendios ou recuperación de terras abandonadas.

Unións entende que, nun prazo de 2 anos, se poderían acoller ó contrato social unhas 15.000 explotacións, cumprindo cunha serie de requisitos medioambientais (carga gandeira e outros).

O abandono da actividade agraria ten como efecto inmediato a desaparición de campos e terras de cultivo e a súa sustitución por matorral e monte, sobre todo no entorno dos núcleos rurais e nas comarcas do interior máis afectadas polo despoboamento.

A redución de actividade agrogandeira incrementará a vulnerabilidade do medio, pois aumentará a continuidade do combustible forestal, o que podería levar a un escenario ata o de agora descoñecido en Galicia, o dos grandes incendios forestais de miles de hectáreas, coas consecuencias que xa experimentou a comunidade o verán pasado.

Os efectos dos lumes, a maiores da destrucción directa do ecosistema forestal, incluiron ameazas sobre persoas e vivendas, sobre vías de comunicación (por exemplo, nas drenaxes da vía do Salnés, obturadas polas terras arrastradas tras os incendios), sobre as vilas, con inundacións debidas en boa medida á perda da capacidade de regulación hidrolóxica do monte, coa destrucción de bancos marisqueiros e cun problema xeral de erosión e arrastre de terra.

Unións advirte de que a perda de actividade sobre o territorio supón un custo económico maior para a sociedade galega que a posta en marcha dun plan solidario, con instrumentos como o contrato social, que garanta a viabilidade do mundo agrario, afectado por unha seria crise de prezos e de condicionantes estruturais. Toda medida que se adopte para garantir a continuidade da actividade agraria terá un efecto multiplicador positivo sobre as posibilidades de éxito do desenvolvemento rural, é dicir, de tódalas iniciativas que se poidan poñer en marcha no medio rural galego nos próximos anos.

©Copyright 2005   Unións Agrarias - UPA

Doutor Maceira, 13 - Baixo - 15706 Santiago de Compostela

Tlf.: +34 981 530 500 Fax: +34 981 531 724   unionsagrarias_upagalicia@upa.es