O sindicato dos gandeiros e dos agricultores
O Concello de Ourol mantívose ó marxe a pesar de ser testemuño da inxustiza ós veciños
Ante semellante atropelo, Unións Agrarias sostén que o proceso é nulo e presentou alegacións diante da Consellería de Industria nas que solicita a reposición da legalidade
A Xunta de Galicia está cometendo irregularidades no proceso de levantamento de actas previas, primeiro paso da expropiación, do parque eólico de Pena Ventosa e a súa liña de alta tensión. Desde o pasado 19 de xullo desenvólvese este proceso no Concello de Ourol onde os técnicos da administración vulneran a Lei de Expropiación Forzosa, restrinxindo os dereitos dos propietarios expropiados que recolle a norma
Unións Agrarias defende os intereses de 17 dos máis de 50 afectados nestes proceso e, durante o seu traballo, constatou as seguintes irregularidades:
- O representante da administración e o perito son a mesma persoa.
- O representante da administración admitiu formalmente manifestacións no Concello de Ourol, pero non sobre o terreo.
- O terreo afectado non estaba delimitado sobre as fincas (nin replanteado nin estaquillado).
- A requerimento dos veciños, o perito da Xunta só acudiu ó monte un día, o mércores, 27 de xullo, recollendo na acta os datos que lle pareceu, pero sen admitir os suxeridos polos propietarios. A partir do día 28, negouse a voltar aducindo que xa fóra el pola súa conta (sen os veciños).
- O perito non recolle a realidade dos bens afectados. Por exemplo: en tódolos casos, fixo unha enumeración aleatoria (á baixa) do número de árbores existentes (pinos e eucaliptos) e decidiu non contabilizar os carballos (son de rexeneración natural, razonou, e polo tanto non contan, matizou).
- Non se recollen na acta as protestas e manifestacións dos veciños sobre as irregularidades que se estaban a cometer.
En representación dos veciños, Unións Agrarias non asinou as actas e presentou unha alegación na Delegación de Industria en Lugo. No escrito, a organización pide que se repoña a legalidade no levantamento e que se anulen as actas. Ademais, califica as actuacións de graves e prexudiciales para os intereses dos propietarios puidendo acarrear responsabilidade penal para o funcionario por incurrir nun presunto delicto de falsidade.
Actuación do Concello de Ourol
Unións Agrarias tamén critica o papel do concello de Ourol neste proceso. Tal como recolle a lei, un representante municipal debe estar presente no proceso. Estivo, pero como si non aparecese. Un concelleiro asistiu a tódalas actas e foi testemuño de como se levantaron, incluso con momentos de tensión como os que viviron os afiliados da organización, que viron como o perito da Xunta ultraxou os seus dereitos “porque o digo eu, e senón estades de acordo, ides a xunto Bendaña” (en referencia ó delegado de Industria de Lugo en funcións).
A organización espera desde hoxe mesmo un cambio na actitude do Concello de Ourol no proceso que remata o próximo 12 de agosto. E por outro lado, tamén espera que o goberno de Viveiro defenda ós seus veciños para que non se atopen desamparados diante da Administración e a propia empresa. Os representantes de Endesa, promotora do parque, acuden a estes actos, en moitos casos, sen negociar previamente cos propietarios e sen amosar un atisbo de mala conciencia nuns actos onde empeza a vertebrar un negocio de moitos millóns de euros.
©Copyright 2005 Unións Agrarias - UPA
Doutor Maceira, 13 - Baixo - 15706 Santiago de Compostela
Tlf.: +34 981 530 500 Fax: +34 981 531 724 unionsagrarias_upagalicia@upa.es