Unións Agrarias - UPA

O sindicato dos gandeiros e dos agricultores

Os 40.000 propietarios de solares eólicos cobran só un 1 por cento dos 600 millóns de euros anuais que xenera o negocio en Galicia

Uns 40.000 propietarios de terreos onde se ubican instalacións eólicas cobran ó ano tan so un 1% dos 600 millóns de € que xenera o negocio en Galicia. Unións Agrarias defende que estes solares eólicos, que as empresas pagan como rústicos, deberían repercutir económicamente ata dez veces máis nos propietarios particulares e comunidades de montes. A enerxía eólica debe convertirse nunha posibilidade de Desenvolvemento Rural para os habitantes do rural a través dunha compensación económico real que complemente as rendas procedentes da economía rural (especialmente da agricultura e gandaría).

As empresas, a maioría de fóra, están facendo un expolio dos recursos eólicos dos habitantes do rural, xa que conseguen un enorme beneficio que repercute de xeito mínimo na sociedade rural galega. UUAA cre necesario crear un marco adecuado de negociación, onde propietarios e comunidades de montes saian beneficiados da actividade, recibindo un maior ingreso pola xeración de enerxía. Os propietarios eólicos non poden cumprir un papel pasivo. Perciben un prezo risible polo seu terreo (aluguer, venda ou expropiación), no que só se considera o valor rústico da parcela, e non o factor de ubicación óptimo do valor enerxético do vento, o verdadeiro recurso ó que non se lle dá valor económico nin na negociación nin no proceso de expropiación.

Por esta razón, UUAA creou unha asociación de afectados, Ventonoso, que loitará diante das industrias e das administracións por conseguir unha contraprestación económica digna para os donos de terreos eólicos. O obxectivo é xerar oportunidades e aportar rendas a través das persoas individuais e comunidades de montes, que teñen uns dereitos e que apostan por residir e habitar no rural. De feito, Unións Agrarias leva traballado neste obxectivo desde decembro de 2004 a través dun equipo eólico que conta con asesoramento xurídico e técnico e que xa está a defender a afectados de toda Galicia.

A nova asociación aposta pola unión co obxectivo de negociar contratos máis vantaxosos para os propietarios de solares eólicos nun momento en que se fala de ampliar a potencia eólica de Galicia ata os 6.500 megawatios (na actualidade hai 2.400 MW instalados) e de impulsar procesos de repowering (mudar os vellos muiños por outros de maior potencia).

O papel da administración

As últimas propostas promovidas pola Consellería de Industria para redefinir as relacións dos distintos axentes implicados na xeración de enerxía eólica son claramente insuficientes. Industria ignora ós propietarios, renuncia a poñer o recurso ó servizo do Desenvolvemento Rural, e confórmase con darlle protagonismo ós concellos, que percibirían un 10% dos beneficios do Instituto de Enerxía de Galicia (INEGA), que participará nos parques éolicos de nova creación cun aporte do 30% do capital.

Aínda que o departamento de Fernando Blanco avanzou nalgúns aspectos que son positivos, debe apostar por un marco de relación totalmente novo entre os distintos actores da enerxía eólica (entre eles os propietarios dos solares eólicos), para conseguir poñer a xeración de enerxías renovables ó servizo do desenvolvemento rural de Galicia e da creación de riqueza estrutural e sustentable no medio rural. Só así se conseguirá que deixe de ser un negocio expoliador de dereitos dos propietarios e comunidades de montes

Hai que recordar que a as administracións son a que por lei crean o marco estrutural de relacións, outorgan as concesións, no seu caso declaran a Utilidade Pública dos proxectos (que permite a opción da expropiación), priman o kilowatio producido, e obrigan ás compañías de distribución a adquirir esta enerxía en condicións vantaxosas para as firmas eólicas.

Para ampliar información: Roberto García, 638 126 888

©Copyright 2005   Unións Agrarias - UPA

Doutor Maceira, 13 - Baixo - 15706 Santiago de Compostela

Tlf.: +34 981 530 500 Fax: +34 981 531 724   unionsagrarias_upagalicia@upa.es