Unións Agrarias - UPA

O sindicato dos gandeiros e dos agricultores

UUAA chama á unidade do sector para mobilizarse polo incremento do gasóleo agrícola sen danar a outros sectores produtivos

O sindicato acude este venres a negociar ó MAPA cunha proposta e espera unha solución

Unións Agrarias fai un chamamento a Xóvenes Agricultores e ó Sindicato Labrego Galego para unirse nunha soa mobilización en Galicia para esixir compensacións e solucións polo incremento do gasóleo agrícola. A organización considera que a situación do agro galego chegou a un límite como consecuencia do prezo ó que se paga hoxe non só o combustible agrícola ou o propano (utilizado en sistemas de calefacción para polos, por exemplo), senón tamén outros produtos feitos con derivados do crú, (fertilizantes, abonos ou plásticos) que os agricultores non poden repercutir no prezo ó que venden a súa produción.

Consciente de que tódolas organizacións propuxeron unha serie de datas distintas para mobilizarse (durante todo o mes de novembro), a organización cre que é necesario aunar esforzos ante unha mesma reivindicación e sobre todo, tendo como horizonte a cita do próximo venres no Ministerio de Agricultura. Ese día, o Secretario Xeral do sindicato, Roberto García, acudirá cunha proposta, na que plantexará unha serie de medidas e esixirá novas axudas para evitar a perda continua de renda dos profesionais agrarios como consecuencia do encarecemento do gasóleo B (incremento do IVE de compensación, a revisión da cláusula de Mínimis, a reducción do Imposto Especial de Hidrocarburos e incluso medidas a medio e longo prazo como a produción de cultivos agroenerxéticos).

Se despois desa cita, non hai unha solución, UUAA está disposta a sentarse coas outras organizacións agrarias representantivas en Galicia para consensuar un calendario de mobilizacións. Se non, seguirá adiante coa súa convocatoria (os días 11, 12 e 18 de novembro).

Pero UUAA quere deixar claro que as tractoradas deben ser a última das medidas de presión porque o peche de estradas e accesos con tractores pode afectar a outros sectores produtivos e á sociedade en xeral, que en Galicia xa viviu momentos dramáticos coa folga do transporte. Non podemos caer no erro de que unha xusta e lexítima reivindicación se convirta en todo o contrario ós ollos dos cidadáns galegos.

Unións Agrarias considera que a situación do agro galego chegou a un límite como consecuencia deste incremento que afecta de maneira importante ás explotacións agrarias. No que vai de ano, este combustible incrementouse nun 35% (pasou de 0,459 a 0,73 €/o litro) e desde xaneiro de 2004 un 47% (0,375 € o litro). UUAA cre necesario un sistema que equilibre o incremento do prezo do gasóleo agrícola (xa non é unha situación coxuntural, é estrutural e segue a tendencia alcista) coa subida de prezos medios no sector, e que este sistema sexa de aplicación automática (que non haxa que articular medidas cada vez que hai unha crise de prezos).

©Copyright 2005   Unións Agrarias - UPA

Doutor Maceira, 13 - Baixo - 15706 Santiago de Compostela

Tlf.: +34 981 530 500 Fax: +34 981 531 724   unionsagrarias_upagalicia@upa.es