O sindicato dos gandeiros e dos agricultores
A primeiros de abril, Unións Agrarias solicitara ós Ministerios de Agricultura e de Economía a reducción dos módulos fiscais de diferentes sectores produtivos que se atopan nunha grave situación de crise de prezos. Atendendo a esta demanda, o Ministerio de Economía e Facenda ven de aprobar a Orde EHA/1543/2006, de 19 de maio, pola que reduce para a declaración da renda do 2005 (que deben cumprimentar estes días) os índices de rendemento neto aplicables no método de estimación obxectiva do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas. Os gandeiros e agricultores que xa presentaran a súa Declaración do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas correspondente a 2005 poderán beneficiarse da medida presentando unha solicitude de rectificación.
Esta redución de módulos xustíficase porque os máis de 15.000 gandeiros galegos realizaron un gran esforzo económico en modernizar as súas explotacións e para adaptarse ó sistema produtivo de cotas que lles obrigou a desembolsar máis de 210 millóns de € en catro campañas. Mentres, as industrias baixaron o prezo do leite un 7,34 % no 2005 (datos IGE), provocando unhas perdas no sector de 44 millóns de €. A imposición fiscal era dun 42% e agora é do 23% en bovino de leite e dun 18 % de cría de bovino de leite.
Pero ademais, redúcense os módulos noutros sectores:
- Ovino e caprino de carne extensivo. Pasa a un 27%.
- Ovino e caprino de leite extensivo. Pasa a un 24%.
- Colmenas. Pasa a un 16%.
- Cereais. En Ourense, pagarán un 17%.
Unións Agrarias estima que a medida aprobada polo Ministerio de Economía está máis que xustificada porque o sector leiteiro en Galicia está tendo perdas continuas como consecuencia da redución de prezos pagados ós produtores e o incremento de custos, que só se resolverá a través dun acordo na mesa do leite. O sindicato valora a medida de positiva, aínda que bota en falta que non se aprobase para outros sectores, como a carne, onde os prezos están un 23% máis baixos que hai 7 anos (datos IGE, 1998-2005), mentres o consumidor paga un 26% máis (no mesmo periodo).
©Copyright 2005 Unións Agrarias - UPA
Doutor Maceira, 13 - Baixo - 15706 Santiago de Compostela
Tlf.: +34 981 530 500 Fax: +34 981 531 724 unionsagrarias_upagalicia@upa.es