Unións Agrarias - UPA

O sindicato dos gandeiros e dos agricultores

Unións Agrarias solicítalle a Medio Rural unha cuantificación dos danos da sequía e a posta en marcha de axudas para os afectados

O secretario de Ganadería de UPA, Román Santalla, mantivo unha entrevista co delegado provincial de Medio Rural, Gonzalo Constenla, para expoñerlle unha serie de necesidades sectoriais en cuestións como a seca, os plans de mellora en explotacións agrogandeiras, o sector vitícola ou os incendios. No encontro, Santalla solicitoulle a Gonzalo Constenla a cuantificación dos danos provocados pola seca e a posta en marcha de axudas para paliar as perdas. Nas explotacións agrogandeiras, a reducción da produción de forraxe (millo, herba para ensilar) estímase en preto do 50 por cento, o que provocou unhas perdas que o sindicato calcula a nivel galego nuns 45 millóns de euros. Santalla advertiu a Constenla da excepcionalidade da seca do 2006 e instou á Xunta a buscar os presupostos precisos para afrontar o problema. O delegado de Medio Rural, Gonzalo Constenla, admitiu a existencia dun problema e indicou que a Consellería de Medio Rural tiña un equipo que estaba a proceder a cuantificar as perdas.

No encontro, Santalla transmitiulle a Constenla a preocupación do sector agrogandeiro ante as limitacións presupostarias que se están a detectar nalgúns proxectos da Consellería de Medio Rural. Así, o secretario de Ganadería de UPA indicoulle a Constenla a necesidade de consignar máis fondos para atender a incorporación de cotitulares de explotacións agrarias, pois as/os cotitulares que se incorporen a unha explotación recibirán menos de subvención que outra persoa que se incorpora como titular a nivel individual.

Na mesma liña, Santalla advertiulle a Constenla de que era preciso que se atenderan a totalidade das axudas para plans de mellora. O sindicato non estaría disposto a asumir ningunha reducción nin ningunha dilación nos pagos dos Plans de Mellora e Modernización das explotacións agrogandeiras, sobre todo cando a Consellería de Medio Rural está a manifestar a través dos medios un forte compromiso para promover o relevo xeracional e a profesionalización do sector.

No sector vitícola, o sindicato expúxolle a Constenla a problemática orixinada en Rías Baixas na vendima 2006, coa decisión do Consello Regulador de non ampliar o cupo de recollida de uva por viticultor a pesar de estar ante un ano cunha excelente colleita. Santalla advertiu a Constenla de que tal decisión só podía ser produto dunha falta de previsión da dirección do Consello ou dunha decisión meditada que perxudica claramente ós viticultores, non sendo ningunha das dúas posibilidades admisible.

Outra cuestión que se abordou na reunión foi a situación das concentracións parcelarias, en especial en Lalín. Nos próximos días, o delegado de Medio Rural anunciará oficialmente cal é a postura da Consellería ó respecto.

Santalla e Constenla departiron tamén sobre a problemática dos incendios. Unións Agrarias trasladoulle ó delegado de Medio Rural a necesidade de poñer en valor o monte e de controlar a biomasa, tarefas para as que o sindicato entende que será precisa a implicación do sector agrario e das cooperativas. Por último, o sindicato abordou con Constenla o proceso de liquidación da Cámara Agraria. Santalla propúxolle ó delegado de Medio Rural que o edificio da Cámara provincial pase ou ben a ser a sede do Consello Agrario Galego ou ben que pase a ser xestionado pola Consellería de Medio Rural.

©Copyright 2005   Unións Agrarias - UPA

Doutor Maceira, 13 - Baixo - 15706 Santiago de Compostela

Tlf.: +34 981 530 500 Fax: +34 981 531 724   unionsagrarias_upagalicia@upa.es