O sindicato dos gandeiros e dos agricultores
A orde de axudas do 2007 da Consellería de Medio Ambiente pola que se indemnizan os danos do xabarín nos cultivos establece, igual que a orde do 2006, un tope de 1.200 euros de indemnización por afectado. En relación ó ano anterior, a orde experimentou melloras, pois os 1.200 euros abonaránselle este ano tamén ós produtores que sufriron perdas maiores a esa cifra. O pasado ano, calquera produtor con danos superiores a 1.200 euros perdía o dereito a cobrar a indemnización e tiña que reclamar as perdas ante o Tecor correspondente.
Con todo quedan contas pendentes. Unha gran parte dos produtores experimentan ataques continuos dos xabaríns sobre os cultivos de millo e sobre os pastos de herba, o que orixina danos moi superiores ós 1.200 euros, límite das axudas da Administración. Eses produtores, se queren aspirar a cobrar indemnizacións polos danos, deben enfrontarse a longos e custosos procesos xudiciais contra os Tecores de caza.
Unións Agrarias entende que se deben dar pasos para evitar que gandeiros/as e agricultores/as teñan que enfrontarse a un proceso xudicial contra os Tecores para reclamar as grandes perdas. O sindicato propón que a Consellería de Medio Ambiente e os Tecores estuden fórmulas (posta en marcha de seguros subvencionados para os Tecores ou outras) para que os afectados poidan cobrar no menor tempo posible as indemnizacións íntegras e axustadas ás perdas.
Outra das medidas demandadas polo sindicato é que Medio Ambiente exerza un maior control sobre os tecores coa fin de que estabilicen a poboación de xabarín. UUAA constatou en varias zonas que os ataques se producen de forma proporcional á proliferación da especie. Por iso, Unións Agrarias solicitoulle a Medio Ambiente que incremente as batidas para reducir a presión que exercen estas especies na agricultura e gandeiría naqueles lugares onde haxa problemas. O colectivo de profesionais do agro non é enemigo do xabarín pero está a favor dunha correcta xestión da poboación de porco bravo, sobredimensionada na actualidade.
Nesta mesma liña de traballo, o sindicato puxo enriba da mesa a necesidade de incrementar os traballos de limpeza e desbroce naquelas zonas de maior presencia de xabarín para reducir as súas zonas de influencia.
©Copyright 2005 Unións Agrarias - UPA
Doutor Maceira, 13 - Baixo - 15706 Santiago de Compostela
Tlf.: +34 981 530 500 Fax: +34 981 531 724 unionsagrarias_upagalicia@upa.es