O sindicato dos gandeiros e dos agricultores
O sindicato pregúntase como pretende a Xunta abordar as cuestións ligadas á IXP sen contactar co sector produtor, sobre todo en temas relacionados coa produción e comercialización
Unións Agrarias (UUAA) insta á Administración autonómica a ter en conta ós produtores de castaña á hora de poñer en marcha a Identidade Xeográfica Protexida (IXP). O sindicato entende que a posta en marcha da IXP debe servir para mellorar cuestións como as condicións de comercialización do produto, sobre todo entre o produtor e os intermediarios, polo que se fai preciso que a Administración autonómica fale cos produtores para coñecer as súas opinións e necesidades.
UUAA pregúntase que pretende a Xunta coa Identidade Xeográfica Protexida da Castaña, pois a Administración aínda non contactou a día de hoxe co sector produtor, un colectivo que sen dúbida terá algo que dicir en tódalas cuestións ligadas coa IXP, tanto nas relativas a produción ou comercialización como no tocante a cuestións meramente administrativas, caso, por exemplo, da ubicación xeográfica e características do órgano regulador da IXP.
Unións Agrarias advirte de que o sector produtor da castaña está a sufrir prácticas comerciais propias doutras épocas, unha situación que vai acompañada de baixos prezos en orixe e de marxes comerciais de ata o 500 por cen no punto de venda final da castaña recollida nos soutos galegos.
UUAA, que xestiona tres asociacións de produtores de castaña en Ourense oriental, solicita unha regulación do sector e insta á Consellería de Medio Rural a poñerse en contacto cos produtores de castaña para abordar a posta en marcha da Identidade Xeográfica Protexida.
O sindicato, por último, lembra que o sábado 16 se mobilizará en Santiago para esixirlle á Xunta novas políticas para o conxunto de sectores do agro galego, tanto para aqueles que constitúen actividades principais (gandeiría de carne ou leite, avicultura, viticultura...) como para aqueles outros que constitúen un complemento de rendas para os veciños do rural, como poden ser o sector forestal, a castaña, as enerxías renovables (parques eólicos, complexos solares, etc.). Pasado máis dun ano do goberno da Xunta, Unións advirtelle á Administración autonómica de que rematou o tempo de predicar e debe comezar xa o de dar trigo.
©Copyright 2005 Unións Agrarias - UPA
Doutor Maceira, 13 - Baixo - 15706 Santiago de Compostela
Tlf.: +34 981 530 500 Fax: +34 981 531 724 unionsagrarias_upagalicia@upa.es