O sindicato dos gandeiros e dos agricultores
Unións Agrarias solicitaralle ao Concello de Ponteceso que retire a ordenanza municipal reguladora do transporte, utilización e vertido de puríns, estercos e outros residuos de orixe agrícola e gandeiro. A norma foi aprobada de forma inicial polo pleno e publicada no Boletín Oficial da Provincia da Coruña o pasado 30 de xaneiro. A organización presentará alegacións á totalidade nas que quere deixar clara a súa postura en contra dun proxecto de ordenanza que restrinxe enormemente o desenvolvemento da gandeiría e agricultura, a actividade económica principal do municipio, á que se adican unha boa parte das familias que residen no seu territorio.
Hai que ter en conta que a aplicación de puríns e estercos aos solos agrícolas, como así debería ser mencionado na ordenanza municipal, está xa regulada baixo a Directiva do Consello 91/676/CEE, relativa a protección das augas contra a contaminación producida por nitratos na agricultura; Real Decreto 261/96, do 16 de febreiro, sobre protección das augas contra a contaminación producida polos nitratos procedentes de fontes agrarias; Lei 29/85 de 2 de agosto, lei de augas; real Decreto 844/96 de 11 de abril de 1986, sobre o dominio público hidráulico; así como o voluntario cumprimento do Código de Boas prácticas agrarias, no que se propón unha serie de medidas e prácticas que tenden a reducir a contaminación por nitróxeno.
Non parece axeitado que se pretenda poñer en marcha unha ordenanza que é máis restrictiva que toda a normativa que é de aplicación, e que é cumprida por tódolos gandeiros e agricultores. Moito menos é aceptable cando a nova norma municipal cualifica tódolos puríns e estercos como residuos, cando son utilizados como abonos orgánicos na actividade agraria que se desenvolve en Ponteceso, o mesmo que sucede no resto de Galicia. De feito, estudios científicos recomendan o uso destes restos orgánicos para potenciar a produtividade dos solos agrícolas.
Ademais, ao ser tan restrictiva, provoca que os profesionais agrarios de Ponteceso estean en inferioridade de condicións para desenvolver a súa actividade, polo que a ordenanza é un agravio comparativo co resto de produtores de Galicia.
©Copyright 2005 Unións Agrarias - UPA
Doutor Maceira, 13 - Baixo - 15706 Santiago de Compostela
Tlf.: +34 981 530 500 Fax: +34 981 531 724 unionsagrarias_upagalicia@upa.es