Unións Agrarias - UPA

O sindicato dos gandeiros e dos agricultores

O bloqueo cautelar das contas das empresas investigadas no caso da tasa láctea suscita preocupación ante posibles impagos das industrias aos gandeiros

Unhas mil explotacións galegas miran o futuro inmediato con preocupación ante a posibilidade de que as industrias ás que lles entregan o leite non lles paguen no prazo no que o viñan facendo cada mes. Estas compañías lácteas teñen bloqueadas as contas despois de que o Xulgado Central de Instrucción nº 4 da Audiencia Nacional lles abrira dilixencias penais por un presunto fraude de taxa láctea. Ante esta situación, ábrese un período de incerteza polo que Unións Agrarias teme que os gandeiros non vaian a cobrar polo leite que entregaron dentro do prazo no que o viñan facendo, ao redor do día 25.

Para tentar evitar que esta posibilidade de impago se produza, o sindicato ven de enviar un escrito á Fiscalía General do Estado para informalo da difícil situación que atravesarían estas 1.000 familias galegas que, a parte de non dispoñer dunha renda pola falta dos seus ingresos mensuais, non poderían afrontar os pagos de materias primas, servizos, gastos correntes e cotas dos préstamos que teñen contratados con outras empresas. Unións solicítalle ao Ministerio Fiscal que posibilite que estas compañías poidan abonar as cantidades de leite que lles veñen subministrando os gandeiros galegos.

Sen entrar a valorar as dilixencias xudiciais, Unións Agrarias si cre convinte que o Ministerio Fiscal teña en conta que unha medida cautelar de bloqueo de contas pode levar ao peche a 1.000 pequenas empresas do medio rural galego. O ministerio fiscal debe ter clara esta posibilidade de impagos e debe ser sensible as súas consecuencias para as explotacións lácteas que están entregando leite, tal como viñan facendo ata agora. Unións Agrarias cre que desde a Audiencia se debe buscar un mecanismo que lle permita aos gandeiros cobrar sen que iso vaia en prexuizo das dilixencias que se iniciaron hai unhas semanas.

En caso de que as empresas non lle poidan pagar aos gandeiros, Unións Agrarias avisa ás administracións de que deben buscar unha solución que lle permita ás explotacións ingresar os pagos mensuais para manter a súa actividade dentro da normalidade. Sobre todo, deben ter en previsión que pode producirse o impago, polo que deben facer tódalas xestións co obxectivo de que estas explotacións lácteas non pechen.

Tanto a Consellería de Medio Rural como o Ministerio de Agricultura non poden permitir que un proceso xudicial, no que non existe sentencia e no que non hai gandeiros implicados, condene a 1.000 familias que viven da produción de leite.

©Copyright 2005   Unións Agrarias - UPA

Doutor Maceira, 13 - Baixo - 15706 Santiago de Compostela

Tlf.: +34 981 530 500 Fax: +34 981 531 724   unionsagrarias_upagalicia@upa.es