O sindicato dos gandeiros e dos agricultores
Unións Agrarias entende que non terían sentido novas baixadas do prezo do leite que puideran decidir de xeito unilateral as industrias lácteas. Unións advirte de que unha redución dos prezos a partir de agora suporía unha ruptura das negociacións e dos acordos que se están a pechar na Mesa do Leite, un órgano no que as industrias estiveron a negociar os últimos meses a posta en marcha dun sistema de indexación de prezos.
A creación do sistema de indexación, apoiado por Unións, permitiría orientar de xeito obxectivo, en base á situación de mercado, cando e como debe subir ou baixar o prezo percibido polos gandeiros. O sistema, negociado durante os últimos 18 meses no marco da Mesa do Leite, remataría coa arbitrariedade coa que as industrias estiveron ata o de agora a manexar os prezos do leite.
De levar á práctica as industrias unha nova baixada de prezos do leite, Unións entende que estariamos de facto ante a decisión das industrias de romper as negociacións na Mesa do Leite, convertindo a Mesa nunha pantomima.
Unións advirte ademais que os anuncios de novas baixadas, que están a circular entre os gandeiros, chegan nunha coxuntura internacional moi favorable para a suba dos prezos do leite ou alomenos, para manter a estabilidade dos mesmos. Factores como a baixada de produción no conxunto da UE, o incremento das exportacións da UE ou uns prezos de mercado da leite en po e da mantequilla moi por riba dos prezos de intervención permitían incluso pensar en posibles subidas do prezo do leite.
En decembro, hai que lembrar que incluso unha industria galega anunciou que pretendía aumentar os prezos en xaneiro, suba que despois non levou a cabo.
Para aclarar as noticias oficiosas que circulan no sector de posibles baixadas de prezo, Unións acaba de solicitar unha entrevista co conselleiro de Medio Rural.
©Copyright 2005 Unións Agrarias - UPA
Doutor Maceira, 13 - Baixo - 15706 Santiago de Compostela
Tlf.: +34 981 530 500 Fax: +34 981 531 724 unionsagrarias_upagalicia@upa.es