O sindicato dos gandeiros e dos agricultores
Unións instará a tódalas industrias que operan en Galicia a que, no mes de maio, suban o prezo do leite que lle pagan aos gandeiros. A organización entende que a maioría das empresas lácteas aplicaron unha baixada unilateral dos prezos en marzo e abril sen razóns obxectivas de mercado que xustifiquen a redución. Tódolos datos apuntan a que os prezos do leite en orixe deben evolucionar á alza. A proba máis significativa, segundo constatou Unións Agrarias nos últimos días, é que algunhas compañías están visitando a gandeiros que teñen contratos con outras firmas para ofrecerlles mellores prezos co único obxectivo de asegurarse a súa produción a curto prazo porque saben que hai escasez de leite. O incremento ofertado oscila entre os 1,2 e os 2,4 céntimos de euro por litro.
As empresas optaron por lanzarse na busca de novos produtores porque están tendo dificultades para importar leite de Francia e Portugal, países de onde as industrias importan a produción, normalmente a prezos máis baixos, para cubrir parte da demanda estatal. Xa non é que o consigan a prezos máis baixos. E que non hai oferta ao reducirse a produción.
Outro dos aspectos que sinalan a escasez de leite é que a oferta de xovencas de produción de leite en España reduciuse ostensiblemente. Como consecuencia de lingua azul, paralizouse a importación de 2.000 cabezas á semana e no Estado non hai capacidade para repoñer ese número de animais que se importaban de países do centro de Europa, polo que está a reducir o número de animais en produción láctea. Portugal tamén está na mesma situación: non pode importar porque non hai oferta e tampouco ten capacidade de reposición de xovencas de leite.
E se atendemos ao panorama mundial, a produción láctea baixou no 2006, tanto na UE como noutros países produtores significativos, caso de Australia e Nova Zelanda, por mor da seca, ou de Estados Unidos e Arxentina. A escasez de leite orixinou incrementos de prezo en Estados Unidos e Oceanía e mellorou sustancialmente a situación do mercado lácteo na UE, pois aumentou a demanda de leite en po e mantequilla, co conseguinte incremento de prezos de ambos produtos. As perspectivas apuntan a unha situación positiva do mercado ao longo de todo o 2007. A Interprofesional Láctea francesa aconsellou unha suba de prezos no primeiro trimestre de 3,71 euros/1.000 quilos; en tanto que para o segundo trimestre recomenda unha suba de 1,3 euros/1.000 quilos.
Petición na mesa do leite
En España, cun mercado lácteo deficitario que depende en parte das importacións, a actual coxuntura de mercado internacional fai evidente a necesidade de subas do prezo do leite percibido polos gandeiros, algo que se está a constatar xa en Galicia. Na próxima mesa do leite, Unións Agrarias pediralle a tódalas empresas que operan en Galicia que consoliden este incremento no recibo de maio (cóbrase en xuño) atendendo a razóns obxectivas de mercado.
A actual situación de bonanza do mercado contrasta, sen embargo, coa redución de prezos que veñen de practicar a maioría das empresas lácteas en marzo e abril (1 céntimo), así como co incremento dos custos de produción que veñen sufrindo os gandeiros, sobre todo co aumento dos prezos dos piensos e doutros inputs da explotación, caso dos fertilizantes nitroxenados (suba do 48 por cento desde o ano 2000).
©Copyright 2005 Unións Agrarias - UPA
Doutor Maceira, 13 - Baixo - 15706 Santiago de Compostela
Tlf.: +34 981 530 500 Fax: +34 981 531 724 unionsagrarias_upagalicia@upa.es