Unións Agrarias - UPA

O sindicato dos gandeiros e dos agricultores

Unións Agrarias defende a necesidade dun grupo lácteo que permita unha mellora nas rendas do sector produtor

Unións Agrarias considera positivo que a Xunta de Galicia retome a idea de impulsar un grupo lácteo aínda que recorda que o obxectivo de tal operación debe centrarse na busca dunha mellora nas rendas do sector produtor. En tal sentido, Unións Agrarias aposta pola creación dun grupo lácteo cunha marca asentada no mercado, xerador de produtos de alto valor engadido e cun bo equipo de I+D, de xeito que o grupo obteña beneficios suficientes para mellorar a retribución dos produtores e marcar as estratexias do sector industrial no marco estatal. A necesidade do grupo de cara ó futuro farase máis evidente tendo en conta a previsible desaparición do mercado de cotas e a liberalización do mercado.

O sindicato entende que un grupo que se limitase a concentrar o escaso peso actual da industria galega tería dificultades para posicionarse no mercado estatal, que está liderado por marcas que moven amplos volumes e que traballan produtos de alto valor engadido (iogures, queixos, bebidas lácteas, postres lácteos, etc.). Esas marcas son precisamente as que están tirando actualmente á alza nos prezos en orixe percibidos polos gandeiros; en tanto que algunha marca galega, centrada no envasado de leite con marca blanca ou segundas marcas, incluso realizou baixadas de prezo no mes de maio.

A aposta por un grupo lácteo centrado en Galicia que sexa capaz de mellorar a renda do sector produtor galego é un dos posicionamentos de base de Unións, explicitado por exemplo no VII Congreso Nacional Galego celebrado en marzo do 2006 en Santiago de Compostela.

©Copyright 2005   Unións Agrarias - UPA

Doutor Maceira, 13 - Baixo - 15706 Santiago de Compostela

Tlf.: +34 981 530 500 Fax: +34 981 531 724   unionsagrarias_upagalicia@upa.es