O sindicato dos gandeiros e dos agricultores
A Lei de Dependencia, que entrará previsiblemente en funcionamento en xaneiro do 2007, atenderá ós dous sectores de poboación con problemas de dependencia, ós maiores e ás persoas con algún grao de discapacidade.A Lei promoverá a universalización das prestacións públicas de servizos sociais para as persoas dependentes a través de diferentes programas (axuda no fogar, teleasistencia, servizos de atención e coidado, etc.). O incremento dos servizos de carácter público suporá ademais un notable incremento das oportunidades laborais no sector. Fademur reinvindica que a creación de postos de traballo priorice ás iniciativas de emprego locais, sobre todo as de carácter rural, fronte ás grandes empresas de orixe urbano. Para elo, Fademur advirte tamén da necesidade de fomentar a formación das mulleres rurais tanto no eido dos servizos sociais como noutros sectores.
A Lei aspira a cubrir de xeito gradual ó cen por cen das persoas en situación de dependencia, cando agora só o 6,6 por cento das familias con situacións de dependencia contan co apoio de Servizos Sociais, según os datos que manexa Fademur Galicia. No resto dos casos, son os familiares os que se deben facer cargo dos coidados. No perfil dos coidadores familiares, destaca o dato de que o 83 por cento das persoas que atenden ós dependentes son mulleres. O 73 por cento do total, ademais, non dispón de actividade laboral retribuida.
A Lei de Dependencia ten por obxectivo que as persoas dependentes dispoñan da atención de servizos sociais públicos. Para as coidadoras familiares, a Lei propón dúas alternativas. Ou ben mantelas no actual status de coidadoras pero cun recoñecemento que incluiría prestacións económicas temporais e cotización á seguridade social, ou ben facilitarlles a integración no mercado laboral, promovendo a conciliación da vida familiar e laboral e potenciando a igualdade de oportunidades, aspecto no que será básico o capítulo formativo.
Cotitularidade nas explotacións agrogandeiras
As subvencións dun 50 por cento na cota da Seguridade Social aprobadas polo Goberno e pola Xunta para as mulleres que traballan no agro como cotitulares dunha explotación constitúen un primeiro paso para erradicar unha situación inadmisible, xa que arredor dun 59 por cento das mulleres rurais galegas non cotiza á Seguridade Social, según os datos que manexa a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (FADEMUR). Fademur advirte, non obstante, de que é preciso ir máis alá das axudas proxectadas, xa que a subvención do 50 por cento para as mulleres que sexan cotitulares dunha explotación estalle vetada ás maiores de 40 anos, o que continúa a impedir que moitas poidan pagar o Réxime Agrario.
Fademur desenvolveu hoxe pola mañá un acto na Casa de Cultura de Silleda con máis de cen mulleres da provincia co obxectivo de fomentar a alta das mulleres como cotitulares de explotacións agrarias. Na situación actual, na que o principal problema de moitas zonas rurais é a falta de persoas que vivan e traballen do agro, Fademur considera que debe erradicarse a precariedade e discriminación que continúan a sufrir parte das mulleres rurais. Fademur tamén agarda que a futura Lei de Dependencia permita que se regule económica e laboralmente o papel das mulleres como coidadoras de persoas con dependencia. O colectivo apoiará as iniciativas que garantan unha remuneración para as mulleres que lle prestan coidados a familiares que viven en situación de dependencia.
©Copyright 2005 Unións Agrarias - UPA
Doutor Maceira, 13 - Baixo - 15706 Santiago de Compostela
Tlf.: +34 981 530 500 Fax: +34 981 531 724 unionsagrarias_upagalicia@upa.es