O sindicato dos gandeiros e dos agricultores
FADEMUR reivindica á sociedade en xeral o recoñecemento social e laboral do traballo que desempeñamos as mulleres rurais en Galicia. As que vivimos e traballamos nas aldeas temos adicación a tempo completo na explotación familiar, tanto en tarefas propias da agricultura ou a gandería, pero ademais coidamos ós fillos e ás persoas maiores con dependencia ó noso cargo. Pero este importante labor non nos reporta recoñecemento profesional nin os dereitos sociais de calquera emprego. A situación debe cambiar. Debemos facernos visibles e ver recoñecidos os nosos dereitos xa que sufrimos diferenzas salariais de ata un 40% menos que os homes e o desemprego feminino supera en 20 puntos a media.
Por outro lado, a carencia de servizos por falta de habitantes, o alto grao de machismo do entorno rural, a violencia no entorno familiar e a falta de reparto das responsabilidades domésticas, fan que a nosa situación deba contemplarse desde unha perspectiva de desigualdade xa non só fronte ós homes, senón tamén respecto ós avances acadados polas mulleres urbanas. Desde a organización traballamos a diario en acabar con estas desigualdades, pero tamén co obxectivo de vertebrar o medio rural coa posta en marcha de medidas que xeren emprego, que nos permita quedarnos a vivir no campo en situación de igualdade e non de heroicidade.
Agora mesmo, atopámonos nun momento clave onde as iniciativas lexislativas que se poñen en marcha aféctanos de maneira directa e poden contribuir a dar o paso definitivo para que a situación das mulleres rurais de Galicia mellore considerablemente. Con este convencemento, presentamos as nosas propostas ó anteproxecto de lei aprobado o venres polo Consello de Ministros, conseguindo que unha lei tan importante fale da especificidade da igualdade no ámbito rural, de cotitularidade nas explotacións familiares agrarias, de formación ou de novos xacementos de emprego. As futuras leis de igualdade, de dependencia e o próximo estatuto do traballo autónomo serán tamén pezas claves para o avance das mulleres rurais hacia a igualdade.
Violencia de xénero
Outro dos problemas que nos afectan gravemente é a violencia de xénero, a pesar do camiño positivo percorrido pola Lei Integral contra a Violencia de Xénero. En municipios rurais (poboacións de menos de 10.000 habitantes), os datos son escalofriantes: o 40% das mortes por violencia de xénero prodúcense en entornos rurais. Acabar coa violencia implica unha transformación radical do noso modelo social anclado no sexismo e baseado na opresión do xénero, a división sexual e a educación machista. Pero ademais, temos máis dificultades de acceso á xustiza e ós sistemas de protección social, dificultades que deben desaparecer, independentemente do medio no que vivimos. Desde a primeira conmemoración do 8 de marzo en 1910 ata as Declaracións de Viena e de Pekín, afondouse na necesidade de que a igualdade debe ser unha prioridade para gobernos e sociedades.
O avance das mulleres é o motor para que se poida alcanzar o total desenvolvemento da humanidade.
©Copyright 2005 Unións Agrarias - UPA
Doutor Maceira, 13 - Baixo - 15706 Santiago de Compostela
Tlf.: +34 981 530 500 Fax: +34 981 531 724 unionsagrarias_upagalicia@upa.es