O sindicato dos gandeiros e dos agricultores
Un grupo de cincuenta mulleres de toda Galicia participarán no Congreso que a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais organiza o día 10 en Sevilla. Baixo o lema “Mulleres Rurais, líderes do Mañá”, terá lugar este cónclave no que se xuntarán 1.100 mulleres de toda España para reivindicar a igualdade plena dos seus dereitos. Segundo Fademur Galicia, vinculada a Unións Agrarias, eventos deste tipo son necesarios para sensibilizar á sociedade e visibilizar as aportacións que as mulleres fan ó medio rural, denunciando a desigualdade e a falta de participación que padecen nos diferentes ámbitos sociais.
Unha mesa redonda tratará sobre a “Cobertura e Dereitos Sociais para as Mulleres do Medio Rural”, lerase o manifesto “Mulleres Rurais. Líderes do Mañá” e faranse unha serie de propostas para mellorar a situación da muller. No acto estarán presentes a Vicepresidenta do Goberno, María Teresa Fernández de la Vega, o Secretario General de Agricultura do MAPA, Josep Puxeu, o Secretario General de UPA, Lorenzo Ramos e a Secretaria de FADEMUR, a galega Teresa López.
Galicia, primeira comunidade de mulleres afiliadas por conta propia
O traballo da muller nas pequenas e medianas explotacións agrarias de Galicia presenta un peso superior ó traballo masculino, según se desprende dos datos de afiliación ó Réxime Especial Agrario da Seguridade Social (REASS). En Galicia, hai 50.973 persoas afiliadas ó REASS por conta propia, das que 33.430 son mulleres (66 por cento) e 17.643 son homes (34 por cento). Galicia é a primeira comunidade do Estado en mulleres afiliadas por conta propia ó REASS.
FADEMUR advirte, non obstante, de que a práctica habitual nas explotacións agrarias é a de que cotice a muller cando o home traballa fóra da explotación, pero cando o home tamén traballa na explotación habitualmente só cotiza un dos dous –normalmente o home- por falta de ingresos suficientes para pagar dúas cotizacións. En Galicia, Fademur cifra en máis de 10.000 mulleres ás profesionais do agro que están a desenvolver un traballo invisible en concepto de ‘axuda familiar’, sen ningún tipo de cotización nin de dereitos laborais ou sociais.
Fademur Galicia considera que a posta en marcha das axudas da Xunta e do Goberno central para fomentar a cotitularidade nas explotacións constitúen un primeiro paso para erradicar o problema. Fademur, sen embargo, entende que estas axudas deben extenderse tamén para as mulleres maiores de 40 anos, un compromiso que a Consellería de Traballo se comprometeu a afrontar neste outono.
O papel que xogan as mulleres no agro complétase coa asunción doutra serie de tarefas domésticas, como levar o peso da casa (comidas, limpeza, compras, etc.) ou coidar a nenos e maiores, uns traballos polos que a muller rural desempeña unha sobreactividade do 36 por cento en relación a un traballo normal. Tal carga de traballo contribúe tamén a manter fóra do mercado laboral á muller rural.
©Copyright 2005 Unións Agrarias - UPA
Doutor Maceira, 13 - Baixo - 15706 Santiago de Compostela
Tlf.: +34 981 530 500 Fax: +34 981 531 724 unionsagrarias_upagalicia@upa.es