O sindicato dos gandeiros e dos agricultores
O secretario de Desenvolvemento Rural de Unións, Jacobo Feijoo, vén de regresar de Sudamérica, onde traballou na busca de melloras para a xestión do eucalipto boliviano
O sindicato Unións Agrarias e Solidariedade Internacional, co financiamento da Dirección Xeral de Cooperación Exterior da Xunta e o Concello de Vilagarcía, levan dous anos traballando nas comunidades rurais de Quime (provincia de La Paz, Bolivia), en colaboración coa organización boliviana Semta, para mellorar a produción agrícola e gandeira da zona e para fortalecer as capacidades de xestión organizativa e empresarial das organizacións indíxenas comunitarias. No marco deste proxecto, o secretario de Desenvolvemento Rural de Unións Agrarias, Jacobo Feijoo, vén de regresar de Bolivia, onde estivo a traballar 15 días na análise da realidade forestal de Quime.
O proxecto de Unións Agrarias e Solidariedade Internacional en Bolivia persegue fomentar o desenvolvemento agrogandeiro e forestal de Quime, freando a emigración a La Paz e ofrecendo alternativas económicas ó traballo nas minas. O proxecto permítelle á poboación campesiña acceder a asistencia técnica en produción agropecuaria e forestal, así como á mellora sanitaria do seu gando. A través do proxecto, máis de 1.500 campesiños recibiron asistencia técnica e 75 líderes campesiños foron formados en xestión comunitaria. Foméntase así que a poboación sexa protagonista do seu propio desenvolvemento.
O secretario de Desenvolvemento Rural de Unións Agrarias, Jacobo Feijoo, desprazouse a Bolivia 15 días (finais de xuño-comezos de xullo) na súa calidade de enxeneiro de montes e experto forestal de Unións Agrarias para analizar a realidade forestal da zona de Quime, na que predomina o eucalipto. Nos próximos días, concluirá a elaboración dun documento de propostas para aumentar o valor engadido que pode aportar o traballo do eucalipto.
O eucalipto ocupa no departamento de Quime superficies importantes, sobre todo en zonas de gran pendente pouco aptas para a agrogandeiría. A árbore chega alí ata os 3.800 metros de altitude polo clima tropical da zona, cando en Galicia non adoita pasar dos 500 metros.
O manexo das zonas forestais é tamén moi distinto ó realizado en Galicia. O eucalipto adoita cortarse en turnos de 5 anos, fronte ós 15 habituais en Galicia, e destínase sobre todo a postes para minas e para a construción. Tanto a corta como a retirada das árbores faise aínda de xeito manual, sen motoserras nin procesadoras. O grao de mecanización é mínimo e non existe industria de procesado, como no caso galego, onde o eucalipto se destina á industria de trituración (pasta de papel, tableros) e a sierra e chapa.
Entre as principais suxerencias do sindicato para a mellora do manexo forestal do eucalipto en Bolivia, figuran as de implantar un centro de astillado de eucalipto con destino á exportación a través de portos de Chile, a mellora dos postes de madeira de eucaliptos a través de tratamentos que aumenten a súa duración ata os 10-20 anos, en lugar dos dous actuais; ou a creación dunha fábrica de mangos de ferramentas.
©Copyright 2005 Unións Agrarias - UPA
Doutor Maceira, 13 - Baixo - 15706 Santiago de Compostela
Tlf.: +34 981 530 500 Fax: +34 981 531 724 unionsagrarias_upagalicia@upa.es