O sindicato dos gandeiros e dos agricultores
A viticultura familiar e de calidade das denominacións de orixe galegas garante o asentamento de máis de 17.000 familias no rural e a xestión de máis de 9.000 hectáreas. O sindicato demanda prezos dignos para a uva que fomenten a continuidade dos produtores
Unións Agrarias oporase a calquera política vitícola que fomente o arranque de viñedos en Galicia. O sindicato considera que a reforma da OCM do viño que se albisca, cun arranque en toda Europa de 200.000 hectáreas, non debería ter ningún impacto en Galicia, pois a comunidade céntrase na produción de viños de calidade, con cinco denominacións de orixe, e ten un peso cuantitativo escaso na produción de viño a nivel estatal.
A actual situación de crise dos viticultores, non obstante, podería supor un incentivo para o abandono e arrinque dos viñedos en Galicia. A maioría das denominacións galegas suma varios anos rexistrando caídas de prezos das uvas, unha situación que xera desánimo no sector. Unións Agrarias advirte de que é imprescindible o papel mediador da Xunta de Galicia na negociación de prezos para a uva, de xeito que se acaden unhas cotizacións dignas que fomenten a continuidade na actividade dos produtores. Unións non entendería que a deixadez da Administración conducira ó abandono de viticultores e de terras.
O sindicato lembra a importancia social e medioambiental do viñedo en Galicia, con máis de 17.000 viticultores nas 5 denominacións de orixe, o que representa máis do 10 por cento do total de viticultores das denominacións de orixe do Estado. Á importancia da viticultura no asentamento de poboación no rural hai que sumar tamén a xestión do territorio que practican os viticultores galegos, con máis de 9.000 hectáreas de territorio traballadas, nomeadamente nunha provincia coma Ourense, especialmente afectada polo abandono do agro.
As denominacións galegas, ademais, comercializan só arredor do 2 por cento do viño de todas as denominacións de orixe españolas, tendo ademais Galicia unha presencia nula en viños de mesa, de inferior calidade, que se producen en cantidade noutras zonas do Estado. Galicia non xera excedentes de viño e por tanto non debería permitirse ningún arrinque de viñedos na comunidade.
A proposta de reforma da OCM do viño prevé a posibilidade de que cada Estado exclúa a determinadas zonas da posibilidade de arrancar viñedos en base á importancia medioambiental da viticultura. Unións considera que nun futuro, de aprobarse a proposta de reforma da OCM, se podería tamén estudar a aplicación de restriccións ó arrinque en Galicia.
©Copyright 2005 Unións Agrarias - UPA
Doutor Maceira, 13 - Baixo - 15706 Santiago de Compostela
Tlf.: +34 981 530 500 Fax: +34 981 531 724 unionsagrarias_upagalicia@upa.es