O sindicato dos gandeiros e dos agricultores
Destacados investigadores de prestixio internacional participarán no foro. O evento, que se celebrará o 28 e 29 de febreiro,
pretende analizar os retos ós que se terá que enfrontar
a agrogandeiría nos próximos anos ante o cambio climático
Unións Agrarias promove en Santiago o primeiro Congreso ‘Medio Rural, Agricultura e Cambio Climático’ co obxectivo de analizar os retos que supón para a agrogandeiría galega o fenómeno do cambio climático. Destacados investigadores de prestixio internacional abordarán durante dous días, 28 e 29 de febreiro, as variacións e necesidades de adaptación que introducirá o cambio climático, así como as novas oportunidades que se abren. O foro abordará tamén o papel da agricultura como sumidoiro de carbono e o papel de agricultores/as e gandeiros/as como parte da solución ó cambio climático.
O evento, que se celebrará no Palacio de Congresos y Exposiciones de Galicia, ubicado en Santiago (San Lázaro), parte co innovador obxectivo de poñer en contacto por primeira vez os/as profesionais do sector agrario galego con expertos no campo da investigación do cambio climático, administracións e universidades. O Congreso xenerará ademais unha documentación e unhas conclusións que permitirán evaluar a situación actual en relación co cambio climático e o posible impacto do mesmo no sector agroforestal e no medio rural de Galicia, servindo de marco de referencia para futuras actuacións.
O programa do Congreso, aínda suxeito a modificacións, pódese consultar na páxina web www.congresocambioclimatico.org. O prazo de inscripción e de presentación de comunicacións está aberto ata o 23 de febreiro. A inscripción (40 euros público en xeral, 20 euros para estudantes) pódese formalizar a través da páxina web ou directamente no mail info@congresocambioclimatico.org ou en calquera das oficinas de Unións Agrarias. Do mesmo xeito, a presentación de comunicacións poderase formalizar a través do contacto que figura na web.
O I Congreso ‘Medio Rural, Agricultura e Cambio Climático’ vai dirixido a agricultores/as e gandeiros/as, técnicos/as dos colectivos vinculados co sector agroforestal ou co medio rural, técnicos das administracións, estudantes, investigadores e, en xeral, á poboación do medio rural. Unións Agrarias habilitará un servizo de transporte desde as oficinas comarcais do sindicato para facilitar a asistencia ó evento.
No primeiro día do Congreso, contextualizarase o fenómeno do cambio climático, identificaranse os seus impactos no medio rural e valorarase a súa repercusión económica. Tamén se debatirá sobre os retos e oportunidades para o medio rural que plantea o cambio climático. No segundo día analizarase en profundidade a situación de cada un dos subsectores produtivos con máis peso en Galicia (gandeiría, viticultura, agricultura e forestal).
©Copyright 2005 Unións Agrarias - UPA
Doutor Maceira, 13 - Baixo - 15706 Santiago de Compostela
Tlf.: +34 981 530 500 Fax: +34 981 531 724 unionsagrarias_upagalicia@upa.es