Unións Agrarias - UPA

O sindicato dos gandeiros e dos agricultores

UUAA amósase satisfeito polo compromiso anunciado por Medio Rural de crear unha mesa da pataca que dé estabilidade ó sector

Esta era a principal reivindicación do sindicato, imprescindible para empezar a traballarÉ positivo que a administración, as organizacións agrarias e os almacenistas empecen a falar neste foro para elaborar un contrato homologado que repercuta en prezos xustos

Unións Agrarias amosa a súa satisfacción polo anuncio feito esta mañá en Xinzo de Limia polo Conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, de crear a mesa de negociación da pataca, unha reivindicación histórica do sindicato que tamén reclamou ó novo goberno galego en varias ocasións. O sindicato espera que a partir de agora o sector poida traballar desde o consenso en aras de buscar unha maior estabilidade para todos, pero especialmente para os produtores que necesitan de prezos dignos polo seu produto para poder vivir con rendas suficientes.

Suárez Canal tamén deu resposta positiva a outra petición de UUAA, que é traballar na elaboración dun contrato homologado, que permita consensuar as relacións contractuais entre produtores e almacenistas. O conselleiro explicou que as negociacións faranse no marco da mesa de negociación e UUAA pediu que tódalas políticas que poña en marcha a administración conten non só co beneplácito deste organismo senón que tamén permita ós seus representantes consensuar propostas para mellorar as condicións do sector da pataca.

Co obxectivo de iniciar o traballo a partir das próximas reunións da mesa sectorial, UUAA fará diferentes propostas, entre as que están:

- Loita contra o fraude. Evitar que entre máis pataca foránea que se vende despois como galega.

- Condicionar as subvencións ós intermediarios a que asinen contratos homologados cos produtores con prezos garantizados.

- Democratización e funcionamento transparente do Consello Regulador co obxectivo de que os produtores teñan a súa cota de representación real.

- Marcar os niveis de calidade, esixir a súa preservación e buscar o valor engadido do produto.

- Mellora das estruturas agrarias co fin de ampliar as parcelas para facer un cultivo máis racional.

- Vixiar a canalización das axudas, garantizando que istas cheguen ós agricultores a través de fórmulas acordes coa legalidade e con transparencia.

A principal reivindicación do sindicato é acadar un prezo digno e estable pola pataca, algo que non se produciu nos últimos anos e que debe solucionar este novo foro co obxectivo de facilitar a recuperación económica dos pataqueiros.

©Copyright 2005   Unións Agrarias - UPA

Doutor Maceira, 13 - Baixo - 15706 Santiago de Compostela

Tlf.: +34 981 530 500 Fax: +34 981 531 724   unionsagrarias_upagalicia@upa.es