O sindicato dos gandeiros e dos agricultores
O sindicato pide un sistema de adxudicación de axudas que prime ós pataqueiros con menor superficie e que non vaia ligado á realización de investimentos. A organización solicita a Mesa da Pataca para abordar contratos e acordos de prezos
Os pequenos produtores da pataca estanse a ver perxudicados polos criterios de reparto das axudas da Deputación de Ourense. As subvencións do ente provincial, que este ano contan con novas bases de distribución, priman os intereses dos grandes produtores, posto que van dirixidas a financiar os investimentos dos agricultores con maior superficie. Unións Agrarias avoga por un criterio de reparto diferente que beneficie ós pataqueiros con menos de 20 hectáreas e que non vaia condicionado á realización de investimentos.
As actuais subvencións da Deputación, estimadas en 240.000 euros por campaña, van orientadas a financiar investimentos en infraestruturas (almacéns) e maquinaria. O ente provincial determina a cuantía subvencionable para cada produtor en función da súa produción, de xeito que aqueles pataqueiros con menor superficie só poderían acceder a un tanto por cento moi escaso dos investimentos en maquinaria ou en infraestruturas que puideran realizar, polo que é case seguro que a maioría terán que renunciar ás axudas. Os pataqueiros con maior superficie, en cambio, terían cuberta unha parte moi importante dos posibles investimentos, según os criterios actuais de reparto, e sairían moi beneficiados.
Unións Agrarias aposta por unha distribución que estableza un mínimo para cada agricultor a título principal, así como complementos en función da superficie de sementeira, primando en especial as axudas para franxas de menor superficie (menos de 20 hectáreas).
As axudas da Deputación ó sector iniciáronse a finais dos anos noventa co obxectivo de cofinanciar a adquisición de pataca de semente certificada. Nos últimos anos, esas axudas orientáranse a financiar a produción da pataca de semente certificada, un proxecto que fallou ó non conseguir suministrar a semente a un prezo inferior ó do mercado. O novo xiro que vén de dar a Deputación tampouco convence a Unións Agrarias, que nos últimos dous meses tentou infructuosamente reunirse co presidente da Deputación para transmitirlle o seu punto de vista.
Mesa da Pataca
Unións Agrarias solicita a pronta convocatoria da Mesa da Pataca, na que deben participar as tres organizacións agrarias, o sector transformador e a Administración, co obxectivo de avanzar en cuestións como acordos de prezos ou contratos tipo homologados. O sindicato entende que é precisa a urxente convocatoria da Mesa para evitar futuros problemas no sector.
©Copyright 2005 Unións Agrarias - UPA
Doutor Maceira, 13 - Baixo - 15706 Santiago de Compostela
Tlf.: +34 981 530 500 Fax: +34 981 531 724 unionsagrarias_upagalicia@upa.es