O sindicato dos gandeiros e dos agricultores
A primeira reunión da Mesa da Pataca, celebrada a mañá de hoxe en Verín, permitiu o inicio de negociacións de cara a implantar no sector contratos homologados de compra-venda, un instrumento que implica un control directo da Administración sobre o cumprimento das condicións e prezos pactados entre as partes. Paralelamente, a Mesa da Pataca emprendeu conversas para chegar a un acordo de prezos mínimos.
Unións Agrarias valora de xeito positivo a primeira xuntanza da Mesa, ante a posibilidade dun acordo de prezos e de que se poñan en marcha contratos homologados, unha das reinvindicacións históricas do sindicato. Polo de agora, existen diferencias sobre os prezos e sobre a duración dos contratos, aínda que o sindicato agarda que tódalas partes cedan nas súas posturas iniciais para permitir un acordo definitivo.
O sindicato incide tamén na necesidade de medidas complementarias, como a concreción de garantías para axilizar os pagos. Unións solicita tamén que a Consellería de Medio Rural condicione calquera axuda ás industrias ou almacenistas do sector á sinatura de contratos homologados cos produtores.
Os contratos homologados, para os que se barallan dúas modalidades, pataca de consumo e pataca de industria, implicarán un aval da Administración sobre os prezos e condicións pactados no acordo. A sinatura dos contratos leva consigo medidas como a posta en marcha dunha comisión de seguemento ou a publicación dos contratos no Diario Oficial de Galicia (DOG).
Marxes comerciais
As marxes comerciais que chegan a percibir os intermediarios do sector da pataca, con beneficios de ata o 400 por cento en relación ó prezo abonado ó produtor, fai tamén preciso que se poñan en marcha mecanismos para evitar as altas diferencias entre o percibido polo produtor e o prezo de venda final, sobre todo tendo en conta a nula transformación que experimentan as patacas.
©Copyright 2005 Unións Agrarias - UPA
Doutor Maceira, 13 - Baixo - 15706 Santiago de Compostela
Tlf.: +34 981 530 500 Fax: +34 981 531 724 unionsagrarias_upagalicia@upa.es