Unións Agrarias - UPA

O sindicato dos gandeiros e dos agricultores

O PP propón medidas que rexeitou durante os últimos anos

UUAA é escéptica de que Fraga desenvolva estas promesas feitas en período electoral

A cotitularidade das explotacións ou a posta en marcha do banco de terras foron propostas de Unións Agrarias que a Xunta evitou poñer en marcha de forma sistemática

O Partido Popular está anunciando na campaña electoral en Galicia varias medidas que recollen propostas que Unións Agrarias-UPA ven demandando desde hai anos e que, de xeito sistemático, a Xunta, que gobernou esta formación nos últimos 15 anos, rexeitou. A cotitularidade das explotacións (dereito das mulleres a percibir o paro e unha xubilación a pesar de que os ingresos só permiten pagar a Seguridade Social ó titular) ou a posta en marcha dun banco de terras, para tentar dimensionar as explotacións, son algunhas destas propostas.

Por unha banda, esta organización síntese halagada porque, por fin, o PP recoñece que as cuestións que a organización poñía sobre a mesa eran necesarias para a mellora da situación no agro galego pero, por outra banda, amósase escéptica porque a política desenvolvida pola Xunta nos últimos anos foi contraria ós intereses dos agricultores e gandeiros galegos.

Non se pode dicir que crearía un banco de terras cando as concentracións parcelarias que puxo en marcha a Consellería de Política Agroalimentaria teñen un retraso medio de 8 anos, con proxectos iniciados hai 20 anos aínda sen rematar; ou cando se acaba de aprobar un novo plan de reforestación que afectará a 7.000 hectáreas de terras agrarias. Tampouco ten sentido o plan da muller rural cando o PP finiquitou, durante a última lexislatura de Aznar, o Réxime Especial Agrario (REASS), o que obriga ós mozos que se queren incorporar á actividade agraria a pagar á Seguridade Social a través do Módulo de Autónomos, co conseguinte incremento de cotas que conleva.

Unións Agrarias vería con bos ollos a execución destas medidas e outras medidas que redundan na mellora da calidade de vida do medio rural, pero é escéptica. Non cre que o PP, en caso de revalidar a súa maioría absoluta, as aprobara.

©Copyright 2005   Unións Agrarias - UPA

Doutor Maceira, 13 - Baixo - 15706 Santiago de Compostela

Tlf.: +34 981 530 500 Fax: +34 981 531 724   unionsagrarias_upagalicia@upa.es