Unións Agrarias - UPA

O sindicato dos gandeiros e dos agricultores

Os gandeiros dispoñen ata o 8 de febreiro para alegar sobre a asignación de dereitos definitivos do pago único

Nas últimas semanas, os gandeiros tiveron que recibir dúas cartas sobre o pagamento único, unha na que a Administración comunica a asignación de dereitos definitivos, e outra na que informa dos pagos correspondentes ó ano 2006. Compre que cada produtor analice ambos documentos co fin de detectar posibles erros e de presentar no prazo establecido as alegacións que puideran ser necesarias.

O pago único vén a agrupar a meirande parte das axudas da Política Agraria Común (PAC) que ata agora se cobraban por separado e en función da produción. No pago inclúense algunhas axudas totalmente (prima láctea, extensificación de vacún, prima especial de xatos e pagamento adicional lácteo, unha axuda que nace este ano e á que poden optar tódolos gandeiros con cota e incluidos en programas de calidade de leite) e outras parcialmente (o 75 por cento da axuda a superficies -o outro 25 por cento permanece acoplada, en función da produción do 2006- e o 50 por cento da prima ovino-cabrún).

Para o cálculo do pagamento único, a Administración toma como referencia a media de superficies e de animais subvencionables do periodo de referencia (2000-2002).

A primeira cuestión a verificar polo produtor é que o cálculo de asignación de dereitos definitivos é o correcto. Cada profesional tivo que recibir xa unha carta na que a Administración lle comunica a asignación de dereitos definitivos, así como, de ser o caso, a contestación ás alegacións presentadas á asignación de dereitos provisional. Na mesma misiva, comunícanse tamén as asignacións de importes e dereitos da Reserva Nacional. De estar en desacordo con calquera destas cuestións, o produtor ten de prazo ata o 8 de febreiro para presentar recursos. Poderá presentar un recurso á asignación definitiva de dereitos ou/e un recurso á asignación da Reserva.

Un caso práctico. Tería que cursar alegacións, por exemplo, un gandeiro que mercara cota entre o 31 de marzo do 2005 e o 15 de maio do 2005 se esa cota non lle aparece no pago único. Ou un produtor cunha superficie maior á recollida nos dereitos definitivos, ou incluso un profesional ó que non se lle notificaran os dereitos definitivos, tendo presentada a solicitude correspondente.

De presentar recursos á asignación de dereitos definitiva, o produtor terá tamén que alegar contra a comunicación do pago 2006, pois para ese pago tivéronse en conta os dereitos asignados.

O pago do 2006, non obstante, tamén vai ligado á solicitude e á situación de superficie e gando da campaña 2006, polo que se poden dar casos nos que o produtor estea de acordo coa asignación de dereitos definitiva pero non coa comunicación do pago 2006. En tal caso, terá que alegar contra a comunicación do pago 2006, un proceso para o que dispón dun mes de prazo a partir da data de recepción da carta na que se lle comunica o pagamento.

En canto ós pagos de vacún (nutrices, sacrificio e prima de carne de calidade), a Administración faráos efectivos en xuño do 2006 e aínda non informou de se abonará ou non un anticipo.

©Copyright 2005   Unións Agrarias - UPA

Doutor Maceira, 13 - Baixo - 15706 Santiago de Compostela

Tlf.: +34 981 530 500 Fax: +34 981 531 724   unionsagrarias_upagalicia@upa.es