Unións Agrarias - UPA

O sindicato dos gandeiros e dos agricultores

UUAA convocará á mobilización en Galicia se as administracións non arbitran medidas para paliar a suba do gasóleo agrícola

A organización plantexará solucións nun encontro a celebrar o venres coa ministra

A Xunta é un dos poucos gobernos autonómicos que aínda non abonou a axuda de 0,06 €/litro do plan que puxo en marcha o MAPA ante o incremento producido durante o 2004

UUAA convocará á mobilización para exisir unha solución polo incremento continuo do carburante agrícola se as administracións non arbitran medidas para paliar este aumento, que os agricultores e gandeiros non poden repercutir no prezo dos seus produtos. O Secretario Xeral do sindicato, Roberto García, acudirá a unha xuntanza en Madrid convocado por este motivo polo Ministerio de Agricultura para este venres, no que plantexará unha serie de medidas e esixirá novas axudas para evitar a perda continua de renda dos profesionais agrarios como consecuencia do encarecemento do gasóleo B.

Ademais, Roberto García manterá outro encontro o luns, día 26, co Conselleiro de Industria, Fernando Blanco, no que, entre outras cousas, lle pedirá que active os mecanismos necesarios para impulsar a competencia entre as petroleiras e a distribución co fin de abaratar o prezo deste combustible en estación de servicio (a 0,7 €/litro) e para facilitar ás cooperativas o acceso a distribución deste carburante (entre 0,1 e 0,05 €/litro máis barato).

Ademais, a Xunta aínda non liberou os cartos das axudas do plan posto en marcha o ano pasado polo MAPA a través da Cláusula de Mínimis, e que en Galicia só asinou UUAA. Estas axudas representaría o ingreso de 3,3 millóns de euros para 18.000 profesionais agrarios (0,06 € por litro). UUAA esíxelle á administración galega que pague xa, tal como fixo a maioría das comunidades autónomas. As axudas son necesarias, pero insuficientes e chegan tarde porque o agro galego vive unha crise continua que debe solucionarse.

Propostas de UUAA

- Revisión da Cláusula de Mínimis, tal como propuxo o MAPA en Bruxelas para o sector da pesca para que se amplíen as axudas económicas. No seu momento o incremento tan elevado do gásoleo agrícola xustificaba usar a Cláuseula de Mínimis nun so ano (era para un trienio). Agora, é necesario revisar o modelo porque o gasóleo B disparou o seu prezo durante o 2005.

- Incremento do IVE pagado ós agricultores e gandeiros. No 2.000 Unións Agrarias arrancou do goberno do PP un acordo polo que se incrementou o IVE a percibir polos profesionais agrarios (1 punto en gandería e 2 en agricultura que se mantén). Daquela os profesionais agrarios vivían unha crise similar polo encarecemento do combustible e que repercutiu nun incremento xeneralizado dos insumos das explotacións.

- Reducción do Imposto Especial de Hidrocarburos para o gasóleo con destino agrícola (0,079 euros/litro) ata o mínimo que permite a normativa comunitaria. Ou poden optar polo modelo francés: o goberno galo non modificou o imposto, co obxectivo de manter a uniformidade fiscal co resto de Europa, pero despois devolve ós profesionais agrarios os cartos que pagaron por este concepto.

- Axudas para o consumo de biocarburantes. Daríaselle unha oportunidade a moitas producións de cereais e oleaxinosas e buscaríanse alternativas novas como a biomasa. Ademais tería un efecto medioambiental indiscutible e axudaría a cumprir os compromisos de Kioto.

- Evitar os abusos derivados de posicións dominantes na distribución de hidrocarburos para evitar posibles prácticas monopolísticas, froito de que entre dous operadores controlan o 85% do mercado, así como situacións de fraude fiscal.

- Débese avanzar na liberalización real do sector de hidrocarburos a través dunha regulación normativa favorable ó autoconsumo que elimine calquera restricción a establecerse no sector da distribución ó por maior e por menor (as cooperativas), para fomentar a competencia legal.

O obxectivo é que o gandeiro pague un prezo máis reducido polo gasóleo agrícola que, no que vai de ano, incrementouse nun 35% (pasou de 0,459 a 0,70 €/o litro) e desde xaneiro de 2004 un 47% (0,375 € o litro). UUAA cre necesario un sistema que equilibre o incremento do prezo do gasóleo agrícola (xa non é unha situación coxuntural, é estrutural e segue a tendencia alcista) coa subida de prezos medios no sector, e que este sistema sexa de aplicación automática (que non haxa que articular medidas cada vez que hai unha crise de prezos).

©Copyright 2005   Unións Agrarias - UPA

Doutor Maceira, 13 - Baixo - 15706 Santiago de Compostela

Tlf.: +34 981 530 500 Fax: +34 981 531 724   unionsagrarias_upagalicia@upa.es