O sindicato dos gandeiros e dos agricultores
En moitos casos, os produtores venden por debaixo do umbro da rendabilidade, mentres que os intermediarios sacan enormes beneficios a costa dos consumidores
Unións Agrarias pon en marcha un Observatorio de Prezos para controlar a diferenza entre o prezo dos produtos que o intermediario abona ós agricultores e gandeiros (orixe) e o prezo que paga o consumidor no supermercado (destino). Neste primeiro control, feito na segunda quincena de setembro, a organización agraria constatou que, nalgún caso como o porco ou o coello, o cidadán paga ata catro veces máis do que percibe o profesional agrario, un 459% (Ver táboa anexa).
O sindicato pretende que o traballador perciba un prezo xusto pola súa actividade e que o consumidor merque alimentos sanos e de calidade a prezos tamén razoables. Non pode suceder que sexan os intermediarios e a gran distribución os que decidan de xeito unilateral o prezo dos produtos quedándose prácticamente con tódolos beneficios, porque o que están a facer é empobrecer ós que viven do agro e desplumar ós consumidores.
O estudio feito por Unións Agrarias analiza a situación de mercado dos produtos de horta e cárnicos, claramente desfavorable para produtores e consumidores. Os datos reflexan que seis produtos duplican o seu prezo en destino con respecto á orixe, con incrementos que superan o 100% de beneficio.
Ademais, en moitos casos, o prezo pagado ó agricultor e gandeiro mantívose invariábel ó longo do último ano, mentres que si houbo un incremento de verduras e carnes no supermercado. Outra das conclusións que se extrae deste estudio conclúe que, en moitos casos, os prezos pagados ós agricultores e gandeiros non lles chega para cubrir gastos.
Produto reclamo
A organización lamenta que os intermediarios, os grandes distribuidores e, en definitiva, os especuladores, fagan o seu agosto a costa dos auténticos profesionais do sector agrario e do cidadán de a pé. Fano, sobre todo, a través dos produtos reclamo, como o leite. Nas grandes superficies e cadeas de alimentación, véndense certas marcas leiteiras por debaixo do prezo de coste co obxectivo de atraer clientes (0,50 €/litro). Os consumidores pican nestas ofertas, pero tamén mercan os outros produtos agrarios a prezos excesivamente elevados.
A necesidade de medidas
Unións Agrarias non entende a actitude da Administración que se limita a tomar nota do problema, pero sen adoptar medidas que acaben coa escalada de prezos. O sindicato esixe ás Administracións Central e Autonómica que afronte a situación como fixeron en Francia. Alí, o Goberno puxo en marcha un mecanismo lexislativo nacional para xestionar unha situación tan grave como a que existe nestes momentos en Galicia.
As medidas aprobadas no país galo é establecer un coeficiente máximo entre o prezo de venda ó consumidor, para as froitas e hortalizas sen transformación. Cando este coeficiente se rebasa se poñen en marcha unha serie de instrumentos para xestionar unha crise en mercados, como operacións de promoción e valorización de produtos, persecución legal de prezos abusivamente baixos, regulación da cooperación comercial e do anuncio dos prezos na publicidade, entre outras medidas.
Outras actuacións poderían ser:
- O dobre etiquetado dos produtos. Con este sistema, o consumidor coñecerá escrupulosamente o prezo que percibe o produtor e a trazabilidade do produto. Así, lograríase unha maior transparencia.
- Contratos entre produtores e distribuidores. Unións Agrarias proporá ás empresas de distribución a celebración de contratos que fixen as márxenes aplicadas na venda de produtos. En Francia xa se utilizan estes contratos. As asociacións agrarias poden asinar este tipo de documentos cos operadores da distribución máis fortes.
- Observatorio de prezos galego. Tal como existe xa a nivel nacional, a Xunta de Galicia debe poñer en funcionamento un observatorio de prezos coa inclusión de produtores, distribuidores e sindicatos agrarios para vixiar e regular a conformación de prezos en orixe e destino.
©Copyright 2005 Unións Agrarias - UPA
Doutor Maceira, 13 - Baixo - 15706 Santiago de Compostela
Tlf.: +34 981 530 500 Fax: +34 981 531 724 unionsagrarias_upagalicia@upa.es