Unións Agrarias - UPA

O sindicato dos gandeiros e dos agricultores

UUAA denuncia o uso do leite como produto reclamo que provoca prezos baixos ós produtores e un fraude ós consumidores

Un cento de produtores de Santa Comba participou na reivindicación en Santiago

A organización inicia hoxe unha serie de mobilizacións en Galicia para denunciar a caída de renda permanente dos produtores agrarios polos prezos baixos dos seus produtos

UUAA iniciou hoxe en Santiago de Compostela unha campaña reivindicativa en varios supermercados do centro urbano para denunciar a perda de renda dos agricultores e gandeiros polos prezos baixos dos seus produtos e polo uso do leite como produto reclamo por parte da gran distribución: venden certas marcas leiteiras, normalmente marcas brancas e descoñecidas, por debaixo do prezo de rendibilidade (0,50 €/litro) co obxectivo de atraer clientes. Os consumidores pican nestas ofertas, pero tamén mercan os outros produtos agrarios a prezos excesivamente elevados, ós que a distrtibución lle gaña marxes abusivas que nalgúns casos chega a quintuplicar o prezo pagado ó produtor.

O problema é especialmente dramático para os gandeiros galegos que ven como a industria importa leite de menos calidade de Francia e Portugal, a prezos máis baratos (teñen máis subvencións) para surtir a gran distribución deste produto, e aproveita a coxuntura para conxelar os prezos pagados ó produtor durante os últimos 15 anos e incluso para anunciar novas baixadas para xaneiro, que deixaría o prezo na cota máis baixa da última década. Pero os gandeiros xa non soportan unha nova redución (incrementáronse os custos, hai 120 millóns de euros pendentes de amortizar pola compra de cota cota e a supertxa, aparecen sobrecustos provocado polo gasóleo agrícola e por causa da seca, o nivel de vida sobe...).

A organización lamenta que os intermediarios, os grandes distribuidores e, en definitiva, os especuladores, fagan o seu agosto a costa dos auténticos profesionais do sector agrario e do cidadán de a pé. O sindicato pretende que o traballador perciba un prezo xusto pola súa actividade e que o consumidor merque alimentos sanos e de calidade a prezos tamén razoables.

Unións Agrarias non entende a actitude da Administración que se limita a tomar nota do problema, pero sen adoptar medidas que acaben coa caída de prezos. O sindicato esixe ás Administracións Central e Autonómica que afronte a situación como fixeron en Francia. As actuacións poderían ser a posta en marcha e potenciación das mesas de negociación, pero tamén o dobre etiquetado dos produtos, a sinatura de contratos entre produtores e distribuidores e a posta en marcha dun observatorio de prezos galego.

©Copyright 2005   Unións Agrarias - UPA

Doutor Maceira, 13 - Baixo - 15706 Santiago de Compostela

Tlf.: +34 981 530 500 Fax: +34 981 531 724   unionsagrarias_upagalicia@upa.es