O sindicato dos gandeiros e dos agricultores
O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, solicitou que a Administración poña en marcha mecanismos que permitan que os gandeiros e agricultores cobren uns prezos dignos pola súa producción. Roberto García incidiu en que os productores precisan de capacidade legal para unha negociación colectiva de prezos. “Non podemos consentir que o Tribunal da Defensa da Competencia mire para outro lado cando as industrias lácteas pactan precios e que logo existan impedimentos para as negociacións de prezos entre industrias e productores”, advertiu o secretario xeral de UUAA, Roberto García, na inauguración do sétimo congreso de Unións Agrarias que se está a celebrar hoxe e mañá no Pazo de Congresos de Santiago.
Na súa intervención, Roberto García incidiu en que se a lei non permite as negociacións coa industria, “haberá que ir a unha reforma lexislativa”. “Non pode haber no mercado marxes comerciais do 500 por cen cando o 80 por cento das explotacións non chegan ó salario mínimo interprofesional”, destacou o secretario xeral de UUAA en alusión ás diferencias existentes entre os prezos abonados ó productor e os prezos que acadan logo os productos agrarios na venda final ó consumidor.
Como exemplo dos problemas de prezos, Roberto García apuntou á ultima negociación celebrada na mesa do leite, na tarde do xoves, na que as industrias anunciaron a súa intención de baixar o leite nun 4 por cento ó longo do 2006, unha porcentaxe á que lle hai que sumar ó 3,7 por cento de IPC con que rematou o ano. “Para nós non hai IPC”, criticou Roberto García. “Temos uns prezos en leite e carne un 20 por cento inferiores ós de 1990”.
O secretario xeral de UUAA incidiu na necesidade da defensa do sector leiteiro. “Durante os últimos anos vendemos o potencial industrial e agora os prezos do leite ponos a industria francesa e a distribución francesa”, recordou Roberto García. “O campo constitúe un sector estratéxico, como tamén pode ser o enerxético. E se non se ve ben que unha compañía alemana entre no sector enerxético español, no campo non podemos permitir que a ‘OPA’ de Lactalis e Carrefour decida os prezos dos nosos productos”.
O secretario xeral de UUAA incidiu en que o rural terá futuro mentres se manteñan os agricultores e gandeiros. Actualmente, a actividade gandeira redúcese en Galicia a 16.000 explotacións lácteas e 20.000 de carne e en todo o agro galego permanecen menos de 100.000 persoas ocupadas, polas 500.000 de fai 20 anos, un dato destacado tanto polo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, como polo secretario xeral de UUAA no acto de apertura, no que tamén interviu o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño.
O secretario xeral de UUAA, Roberto García, fixo fincapé noutros datos significativos, como que só o 20 por cento das explotacións galegas acadan por persoa ocupada o Salario Mínimo Interprofesional, en tanto que o 80 por cento restante ronda a metade dese Salario.
Os actuais niveis de renda do rural galego atopan outra das súas bases nas pensións, que chegan a supoñer ata un 30 por cento dos ingresos, según os datos expostos na inauguración do Congreso por Roberto García. O secretario xeral de UUAA incidiu na necesidade de adecuadas prestacións sociais no rural e dunhas pensións dignas, aspectos ós que contribuirá a reforma do Réxime Especial Agrario e a posta en marcha do sistema de cotitularidade para as mulleres que traballan no agro.
Por último, Roberto García demandou un plano de emprego no rural que ofreza oportunidades a todos tanto a aqueles que non continúen ó frente de explotacións como ós que sigan coas súas explotacións e poidan atopar así fontes de ingresos complementarias, por exemplo en actividades agroforestais.
©Copyright 2005 Unións Agrarias - UPA
Doutor Maceira, 13 - Baixo - 15706 Santiago de Compostela
Tlf.: +34 981 530 500 Fax: +34 981 531 724 unionsagrarias_upagalicia@upa.es