O sindicato dos gandeiros e dos agricultores
Unións Agrarias considera que o borrador do Banco de Terras que lle presentou a Consellería de Medio Rural, aínda sen aprobar, é positivo porque pode facilitar o redimensionamento das explotacións galegas. Aínda así, o sindicato advirte de que hai moitos elementos que mellorar e cambiar nun documento que presenta serias carencias, debendo actualizarse e ter en conta a realidade do agro galego. Unións entende que o fondo ou banco debe contar cun órgano de decisión con participación activa dos produtores por medio das organizacións máis representativas. O sindicato propón que sexa o correspondente órgano de decisión, unha vez constituido, o que determine as zonas de actuación do banco, renunciando a declarar de utilidade pública o conxunto da terra de Galicia (tal como aparece no borrador).
O sindicato, asímesmo, dubida da efectividade de mecanismos de intervención proxectados pola Xunta, como o dereito de tanteo e retracto da Administración sobre calquera transferencia de terras, ou o dereito de adxudicación preferente en subasta (é preciso clarificalos para sinalar a prevalencia en caso de colisión con outros posibles afectados ou agricultores beneficiarios). En todo caso, Unións pide que a Xunta clarifique a aplicación destes instrumentos e solicita tamén maior claridade na regulación do destino e adxudicación das fincas que entren no banco, establecendo o arrendamento como principal xeito de adxudicación. O sindicato tamén pide que se evite o cobro de comisións polas súas xestións. Solicita, ademais, que se poñan en marcha mecanismos de subasta pública para as fincas propiedades do fondo, evitando sempre a adxudicación directa.
Unións Agrarias está en contra de que a normativa do banco inclúa sancións para os predios incultos, debendo , en todo caso, especificarse o réxime sancionador nunha normativa posterior. O sindicato si cre necesario un marco normativo de apoio ó banco de terras que estableza, por exemplo, un axeitado réxime de distancia de prantacións ou incluso un réxime sancionador para as fincas infrautilizadas procedentes de concentracións parcelaria.
¿Que é o banco de terras?
O banco ou fondo de terras é un organismo creado pola Administración coa misión principal de incentivar que terra agrícola actualmente non produtiva, ben abandonada, ben en mans de propietarios non agrarios, sexa ofertada en arrendamento, cos dereitos e obrigas recollidos na lexislación, ás explotacións en activo, afectadas na súa maioría de falta de superficie. Os propietarios manterán sobre as fincas os mesmos dereitos que tiveran antes de poñelas a disposición do banco, en especial o dereito de propiedade.
A falta de superficie nas explotacións agrogandeiras galegas esixe da posta en marcha de medidas que contribúan a poñer a terra a disposición dos produtores, facilitando o crecemento territorial das explotacións. O aumento da superficie posibilitará unha maior extensificación, así coma unha maior produción de forraxes, o que contribuirá a reducir os custes de producción (compras de piensos, forraxes). En Galicia, cada produtor dispón dunha superficie media de 5 hectáreas, fronte ás 21 hectáreas de media en España, ás 70 do Reino Unido ou as 42 de Francia.
©Copyright 2005 Unións Agrarias - UPA
Doutor Maceira, 13 - Baixo - 15706 Santiago de Compostela
Tlf.: +34 981 530 500 Fax: +34 981 531 724 unionsagrarias_upagalicia@upa.es