O sindicato dos gandeiros e dos agricultores
O sector da gandeiría de carne, máis de 18.000 explotacións profesionais de toda Galicia, sofre un retraso de cinco meses no cobro das axudas vinculadas á Política Agraria Común (vacas nodrizas, primas de sacrificio e primas de cebo), sen que os afectados recibiran nin comunicación do aprazamento dos pagos nin explicacións por esa dilación. Unións Agrarias vén de solicitarlle por carta á Consellería de Medio Rural un pago inmediato das subvencións da Política Agraria Común.
A práctica habitual da Xunta viña sendo a de abonar un adianto de arredor do 40 por cento en xaneiro-febreiro, para completar os pagos en torno a maio-xuño. A día de hoxe, os gandeiros aínda non cobraron ningunha cantidade e o prazo para abonar a totalidade das axudas conclúe a finais do próximo mes de xuño. Unións Agrarias insta á Xunta a proceder de xeito inmediato a efectuar o pagamento das primas destinadas ós gandeiros de carne e solicita tamén que a Consellería de Medio Rural dea explicacións do motivo do retraso dos pagos. No caso da carne, a Administración non pode alegar unha dilación dos pagos á espera da realización de inspeccións, como sucedía cunha parte dos produtores de cereal pendentes de axuda.
O retraso nos pagos está a provocar que os produtores teñan que aprazar unha serie de investimentos que xa tiñan previstos, así como en moitos casos pospoñer o pago de abonos, piensos e plástico de ensilado, mercados ‘fiados’ no inverno á espera do cobro das subvencións para facer efectivos os pagos.
O cobro das axudas da PAC, que nalgunhas explotacións supón ingresos superiores ós 6.000 euros, é fundamental para paliar a crise de prezos e a falta de solvencia que vén sufrindo o sector nos últimos vinte anos. Un produtor de carne cobra hoxe menos que fai vinte anos polos animais que vende. Só nos últimos cinco anos, o prezo pagado ó produtor caiu máis dun 20 por cento, en tanto o abonado polo consumidor no punto de venda final medrou nese mesmo periodo en torno a un 30 por cento.
Unións Agrarias iniciou semanas atrás unha campaña en defensa das explotacións de carne. O sindicato solicita do Goberno da Xunta actuacións que contribúan á mellora dos prezos e da comercialización da carne. Para abordar estos asuntos, o sindicato propúxolle á Xunta a convocatoria dunha Mesa da Carne.
©Copyright 2005 Unións Agrarias - UPA
Doutor Maceira, 13 - Baixo - 15706 Santiago de Compostela
Tlf.: +34 981 530 500 Fax: +34 981 531 724 unionsagrarias_upagalicia@upa.es