Unións Agrarias - UPA

O sindicato dos gandeiros e dos agricultores

UUAA avoga pola busca de fórmulas para superar o déficit estrutural de becerros en Galicia

O sector galego do vacún de carne afronta o futuro co hándicap dun grave déficit estrutural que se fragou no último cuarto de século. Galicia, a pesar de contar co 41 por cento de vacas do estado, ceba só o 14 por cento do total de becerros. O resto dos becerros nados na comunidade marcha con menos dun mes para as explotacións de ceba intensiva da zona do Ebro, en especial Aragón e Cataluña. Así, o engorde dos animais, o proceso que xera valor engadido para os produtores, realízase principalmente fóra de Galicia.

Unións Agrarias, que vén de iniciar unha campaña na defensa dos produtores de vacún de carne, avoga pola busca de fórmulas entre o conxunto do sector para o incremento do engorde de xatos en Galicia, así como para a posterior transformación e elaboración das canais sacrificadas. “Xa que temos a materia prima, un marchamo de calidade na carne galega e o favor do consumidor, sería bo que Administración, industrias e outros organismos traballaran en conxunto para superar o grave déficit estrutural que nos legou o anterior Goberno da Xunta”, explica o secretario xeral de Unións, Roberto García.

En 20 anos, entre o 1980 e o 2000, Cataluña, Aragón e Castela e León multiplicaron por dous o seu censo bovino, un crecemento amparado no incremento do número de becerros, en tanto que en Galicia, nese mesmo periodo, produciuse unha lixeira regresión do número de animais. O conxunto de Cataluña e Aragón pasou de contar con 238.000 animais destinados á ceba no 1980 a un censo de 747.000 no ano 2000. Castela e León, cun modelo máis próximo ó galego, centrado en abarcar todo o ciclo productivo (cría, engorde e transformación) e non só o engorde, pasou de 218.000 becerros no 1980 a 375.000 no ano 2000. Galicia, pola súa banda, pasou de 269.000 becerros en 1980 a 237.000 no 2000. No conxunto de animais bovinos, Galicia perdeu un 0,2 por cento nese periodo. De 1.054.000 caiu ata 1.016.000, sempre según os datos do Ministerio de Agricultura.

A fuga de terneiros a outras comunidades para o seu engorde complétase en ocasións co regreso dos animais a Galicia para o seu sacrificio, unha práctica que supón un movemento de arredor de 13.000 toneladas de carne canal ó ano, sobre un total de sacrificio na comunidade dunhas 88.000 toneladas. Unións Agrarias avoga por erradicar esas prácticas e por implantar un dobre etiquetado que garanta a trazabilidade do produto, indicando onde se criou o animal e onde se sacrificou.

Primas

O déficit que experimenta Galicia no engorde de terneiros agrávase pola imposibilidade de cobrar máis primas para becerros cebados. A reforma da Política Agraria Común (PAC) desacoplou as primas ó becerro macho, co que os produtores cobrarán un pago en función dos seus dereitos históricos, con independencia de que produzan ou non esa carne. “Se agora se lograra un incremento do cebo de becerros en Galicia, faríase sen subvencións, o que fai aínda máis necesaria a actuación da Xunta para garantir uns mecanismos de formación de prezo”, apunta García. O secretario xeral de Unións advirte tamén da posibilidade de que nos cebadeiros do Ebro, unha vez garantido o cobro da prima sen necesidade de cebar ós animais, se reduzan as importacións de becerros de Galicia, o que obrigaría ós produtores galegos a cebalos pola súa conta.

O sindicato apunta tamén que o produtor cobra agora un 25 por cento menos que fai cinco anos por cada becerro cebado, polo que solicita que a Xunta constitúa unha mesa de vacún de carne que sirva para coordinar a busca de solucións. Unións incide na necesidade de traballar para lograr unha maior transparencia nos mercados e solicita sistemas de subastas con control sindical ou cunha auditoria externa para verificar a clasificación dos animais comercializados, un sistema que se debería extender tamén ós matadoiros.

©Copyright 2005   Unións Agrarias - UPA

Doutor Maceira, 13 - Baixo - 15706 Santiago de Compostela

Tlf.: +34 981 530 500 Fax: +34 981 531 724   unionsagrarias_upagalicia@upa.es