Unións Agrarias - UPA

O sindicato dos gandeiros e dos agricultores

Medio Rural debe cesar a Marisol Bueno por poñer en perigo o acordo da mesa do viño ó non ampliar o cupo de recollida

Unións Agrarias esixe á Consellería de Medio Rural que cese de inmediato a Marisol Bueno como presidenta do Consello Regulador de Rías Baixas. Non é admisible o inmobilismo que amosa Bueno ante as peticións de UUAA de convocar un pleno para aprobar a ampliación do rendemento permitido por hectárea. Tampouco se pode entender que Bueno argumente que non existe un rendemento superior ó establecido polo regulamento. A organización está convencida, ademais, de que a responsable do organismo rector de Rías Baixas non actúa desde o pasotismo ou a improvisación, senón que asistimos a unha manobra interesada para reducir o prezo das uvas fóra de cupo, evitar un control sobre a procedencia da produción e romper de facto o acordo da mesa do viño.

Antes da vendima de 2004 e 2005, o Consello Regulador de Rías Baixas aprobou en pleno permitir ás adegas incrementar un 25% o cupo de recollida ós viticultores, establecido en 11.000 quilos por hectárea. A excepcionalidade das dúas vendimas obrigou a adoptar esta medida. Este ano o Consello Regulador non fixo o mesmo, a pesar de que UUAA solicitoullo por escrito á Consellería de Medio Rural e ao propio Consello Regulador.

Por outro lado, nas dúas últimas campañas, fixéronse estudios, anteriores a vendima, que evidenciaron a boa colleita, e que serviron de criterio para decidir unha ampliación do cupo. ¿Por qué non se fixo este ano algo similar? Esta presunta deixadez de funcións é xa unha razón suficiente para cesar a Marisol Bueno como presidenta do Consello Regulador. Pero UUAA cre que, alomenos, este organismo tiña información real de cal era a situación anterior a vendima. De feito, varias adegas confirmábanlle ó Secretario de Agricultura, José Ramón González, que a colleita excedía nun 30% ó permitido.

Se non se comproba que a produción excede do cupo e en que porcentaxe nin hai un control a través de veedores antes da vendima, tal como pide reiteradamente UUAA para evitar o fraude, ¿como se pode saber que as uvas son de Rías Baixas? A decisión de non ampliar o cupo de recollida está prexudicando a viticultores, á maioría das adegas e á denominación, e favorecendo ós especuladores.

Se a Consellería de Medio Rural non cesa a Marisol Bueno, debe explicar se está de acordo coa postura do Consello Regulador e por que. Do contrario convertiríase en cómplice, sobre todo porque o delegado de Medio Rural en Pontevedra, Gonzalo Constenla, actúa como vocal técnico de dito organismo.

©Copyright 2005   Unións Agrarias - UPA

Doutor Maceira, 13 - Baixo - 15706 Santiago de Compostela

Tlf.: +34 981 530 500 Fax: +34 981 531 724   unionsagrarias_upagalicia@upa.es