O sindicato dos gandeiros e dos agricultores
UUAA recoñece o esforzo que fixeron moitas adegas na negociación, pero rexeita o pasotismo de Marisol Bueno e das empresas do seu entorno, que se negaron a promover contratos homologados
Unións Agrarias solicitou á Consellería de Medio Rural que facilite as axudas públicas a aquelas adegas que fixeron un esforzo na negociación cos viticultores e que, non só rubricaron os acordos da mesa do viño, senón que asinaron os contratos homologados. O sindicato advirte a Medio Rural de que non aceptará que outras empresas, as da presidenta do Consello Regulador, Marisol Bueno, e as do seu entorno reciban cartos públicos por un acordo que non cumpriron, unha auténtica tomadura de pelo para o sector en xeral.
Unións Agrarias denuncia que as empresas do entorno da presidenta do Consello Regulador obviaron os acordos da mesa do viño ao non asinar ningún contrato homologado, o que provoca incerteza nestes produtores que nin saben aínda cando cobrarán nin a que prezo lles pagarán as uvas. Polo tanto, non cumpren as condicións para percibir as axudas públicas e Medio Rural debe demostrar que cumpre o que di deixando fóra do decreto de axudas a estas empresas que pretenden beneficiarse enganando ao viticultor, ao resto de adegas e á propia administración.
Pola contra, as adegas que si fixeron o esforzo, tanto na negociación como posteriormente na sinatura de contratos homologados, deben ter un trato diferenciado: Medio Rural debe ser consecuente e permitirlles o acceso ás axudas públicas. Hai que recordar que a Consellería acordara condicionar as axudas ao cumprimento dos acordos da mesa do viño. Agora ten a oportunidade de cumprir coa súa política, anunciada nos últimos meses.
O que é máis grave é que a propia presidenta do Consello Regulador, o ente que regula a denominación de orixe e que tiña que servir para regular as relacións entre adegas e produtores, incumpra os pactos dunha mesa do viño. E non ten xustificación que a Consellería de Medio Rural non faga nada ante este incumprimento flagrante, nin ante o uso interesado que Marisol Bueno fai deste órgano, nin denuncie alomenos a actuación dunha persoa que non cesou, a pesar das reiteradas peticións de UUAA, e que mantén aí co seu apoio.
©Copyright 2005 Unións Agrarias - UPA
Doutor Maceira, 13 - Baixo - 15706 Santiago de Compostela
Tlf.: +34 981 530 500 Fax: +34 981 531 724 unionsagrarias_upagalicia@upa.es