Unións Agrarias - UPA

O sindicato dos gandeiros e dos agricultores

UUAA denuncia que o Consello Regulador deixou o 25% da produción en Rías Baixas fóra do acordo da mesa do viño

O sindicato teme un descenso de prezos por obviar a petición de permitir un aumento de rendemento, tal como recolle o regulamento para situacións excepcións como a deste ano e que se fixo no 2004

A decisión do Consello Regulador de Rías Baixas de obviar a petición de Unións Agrarias de aprobar un incremento do cupo de produción por hectárea antes da vendima, deixará fóra do acordo da mesa do viño ao 25% da produción. A desidia ou irresponsabilidade do ente dirixido por Marisol Bueno ao non adoptar unha medida que se adoptara hai dúas campañas, cunha colleita inferior en 8 millóns de quilos a deste ano (30,6 millóns de quilos), significará unha baixada de prezos encuberta. As adegas non se sentirán obrigadas a respectar un acordo para unhas uvas que non están amparadas nin polo Consello Regulador nin pola mesa do viño.

O regulamento de Rías Baixas só permite unha produción por hectárea de 11.000 quilos. Pero en casos excepcionais, como o de producirse unha colleita máis abundante do normal, o Consello Regulador ten a potestade de aprobar un incremento de cupo dun 25%. Existe un precedente, o da vendima do 2004. Naquela campaña a colleita superara os 22 millóns de quilos e nesta, o 100% dos viticultores tiveron uns rendementos superiores ao regulamentado.

Con estes antecedentes, faise máis inexplicable a situación na que se atopan os viticultores porque descoñecen a como se venderá a súa uva fóra de cupo. Sobre todo, cando as adegas recolleron prácticamente toda a produción dos viticultores (quedaron uns 46.000 quilos sen recoller), que amosou unha calidade excelente grazas a que se deron unhas condicións climáticas inmellorables.

E aínda que existe unha suba da produción como consecuencia dun incremento de rendemento das plantacións, UUAA cre imposible que chegue ao 40%. Tampouco é un argumento crible que a reconversión de viñedos e a posta en produción de novas plantacións poidan ser as razóns deste salto cuantitativo. A falta dun control real e efectivo da colleita provoca que as cifras que se manexan, a través dos medios de comunicación, non sexan cribles e, vaian en contra dos intereses dos viticultores.

Eleccións ao Consello Regulador

A mesa do viño debe ser o marco onde as distintas partes do sector cheguen a acordos. A principios de campaña había un acordo aceptable que poñía, por primeira vez en moitos anos, unhas regras de xogo e unha estabilidade para o sector produtor. Pero o Consello Regulador está a poñer en perigo o entendemento entre viticultores e adegas e, de novo, UUAA cre que Marisol Bueno debe deixar o cargo pola súa responsabilidade nesta situación: porque o ente que dirixe non fixo (polo menos non se fixo público) un estudio sobre as posibilidades da vendima para este 2006 e porque despois tampouco convocou ao pleno para aprobar un aumento do cupo por hectárea.

A presidenta do Consello Regulador prexudicou aos viticultores, pero tamén á mesa do viño. UUAA espera que as eleccións ao consello regulador nos próximos meses, algo que consigue o sindicato despois de moitos anos solicitándoo, permita darlle un cambio no papel e na composición (que sexa paritario) deste ente.

©Copyright 2005   Unións Agrarias - UPA

Doutor Maceira, 13 - Baixo - 15706 Santiago de Compostela

Tlf.: +34 981 530 500 Fax: +34 981 531 724   unionsagrarias_upagalicia@upa.es