19/02/2013
UNIÓNS AGRARIAS DENUNCIA OS DANOS QUE CAUSA O RETRASO DOS PAGOS E DAS OBRAS DA AUTOVIA LUGO-SANTIAGO NAS EXPLOTACIÓNS GANDEIRAS
Unións Agrarias denuncia que os retrasos nos pagos das expropiacións da A54, a autovía Lugo-Santiago, o retraso na súa construción e paralización dalgúns tramos como é o de Guntín-Palas de Rei afecta gravemente aos ingresos das explotacións agrogandeiras das comarcas afectadas.
Os retrasos na súa construción están tendo efectos nos ingresos das explotacións, xa que se produce unha perda de base territorial que implica a necesidade de arrendamento de terras. Ademais tamén dá lugar á perda de servizos porque limita os accesos das vías de comunicación das parroquias e dos camiños veciñais, que en moitos casos teñen que facer varios kilómetros para acceder ás súas propiedades.
Os movementos de terra implicaron tamén que en moitos casos se produciran variacións nos acuíferos e os afectados tiveron que buscar solucións alternativas provisionais mentres non se remataran as obras.
En resume o retraso na execución das obras iniciadas no ano 2008, nos pagos das expropiacións, e das ocupacións temporais está a producir unha merma nos ingresos das explotacións agrogandeiras. Non teñen as súas terras e tampouco o diñeiro que lles corresponde pola súa expropiación e ocupación, e o peor e que á vista dos orzamentos deste ano tampouco se sabe cando rematarán nin cando se pagarán, ademais dos inconvintes dunhas obras na porta das súas casas.
|