21/12/2009
UNIÓNS AGRARIAS LAMENTA QUE A RECENTEMENTE APROBADA LEI EÓLICA DE GALICIA NON REPERCUTA NA MELLORA DAS RENDAS DA XENTE DO MEDIO RURAL
Anuncia unha parálise eólica en Galicia xa que os proxectos ao abeiro desta norma non se desenvolverán ata máis aló de 2013
O sindicato Unións Agrarias lamenta que a principal novidade introducida na Lei eólica de Galicia aprobada este luns no Parlamento de Galicia, é dicir, o canon previsto, non repercuta na mellora das rendas da xente do rural nin na mellora do contorno dos parques eólicos. Para a organización, trátase dunha lei continuista no tratamento da propiedade dos terreos onde se instalarán os parques, xa que o papel do propietario ou Comunidade de Montes só se limita a aceptar as propostas das empresas eólicas ou, en caso contrario, a vérense abocados á expropiación.
Despois de presenciar o debate do Pleno, o secretario de Desenvolvemento Rural de UUAA, Jacobo Feijoo, e o presidente de Ventonoso, José Antonio Diéguez, constataron que no debate non se produciu ningunha sorpresa, nin variación con respecto ao xa coñecido nos borradores desta lei. Así, na intervención de Pedro Arias, como voceiro do PPdeG, non houbo nin unha soa alusión á problemática dos propietarios dos solares eólicos.
Así, o sindicato lembra que no anterior decreto os beneficios da participación pública nos parques ían ser administrados pola Consellería de Industria, mentres que no texto da lei, o actual canon será administrado pola Consellería de Presidencia, sen que existan mecanismos de control e fiscalización rigorosos, prevíndose que primarán os intereses políticos sobre as necesidades de investimentos no rural.
Ademais, Unións Agrarias entende que se renuncia novamente de facto a crear un marco normativo que, mediante a xusta remuneración dos terreos eólicos, permita conectar o desenvolvemento do negocio eólico (equivalente en Galicia a unha potencia instalada de 3 centrais nucleares) coa percepción de rendas, por parte de propietarios rurais e comunidades de montes, e coa mellora da calidade de vida no rural.
Para o sindicato, constátase a parálise eólica en Galicia, que en nada beneficia a ningunha das partes. Os proxectos eólicos que se poidan desenvolver en Galicia, ao abeiro da lei aprobada hoxe, retrasaranse ata máis alá de 2013. Isto suporá menores rendas para os propietarios e comunidades de montes, haberá menor volume de parques eólicos autorizados, xa que funcionarán con primas menores, restará capacidade de negociación aos propietarios, que percibirán menores remuneracións polos seus terreos.
|





 |
- Mobilización contra do recorte das axudas da PAC.
- Presentación Proxecto Si Rural.
- Recortes nas axudas a cotitularidade. |










|