23/12/2009
UNIÓNS AGRARIAS CONSENSÚA CON XXAA UNHA TÁBOA REIVINDICATIVA NA QUE INSTA A XUNTA E O MARM A ADOPTAR MEDIDAS PARA A PRODUCIÓN DA PATACA
A organización sindical reuniuse co delegado da Xunta de Galicia en Ourense, co presidente da Deputación e cos alcaldes da Limia
O sindicato Unións Agrarias está a traballar arreo na busca de solucións aos produtores de pataca de acordo co calendario de accións previstas e acordadas co resto das organizacións sindicais. Así, recentemente, responsables de UUAA mantiveron un encontro cos alcaldes da comarca da Limia para abordar a dramática situación dos produtores de pataca. No encontro participaron o secretario de Acción Sindical de Agricultura, José Ramón González, así como técnicos de UUAA de Xinzo de Limia, e os rexedores dos municipios de Sandiás, Trasmiras, Porqueira, e Xinzo.
Durante a xuntanza, os participantes acordaron elaborar un documento reivindicativo no que se denuncia a situación actual destes produtores e se avoga por solucións de cara ao futuro, concretamente á vindeira campaña de 2010. Neste documento, consensuado con Xóvenes Agricultores, ínstase a Xunta de Galicia a que convoque de xeito inmediato a Mesa da Pataca; a que interceda ante a distribución para acadar acordos que permitan a saída preferente da pataca galega para os centros galegos; a que aposte polos contratos homologados como garantía de estabilidade para o sector; a que abra unha liña de axudas de cara a cubrir os custos de produción e, finalmente, a que garanta a sementeira da vindeira campaña en todas as explotacións con axudas para os custos e a procura de semente en boas condicións e a prezos razoables.
Ademais, o documento pide ao Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino que controle a entrada de pataca de fóra e convoque reunións coa industria do frito e vele polo cumprimento dos contratos. Finalmente, insta o MARM a que interceda na negociación de compra de semente en conxunto para evitar as marxes actuais.
O documento, tal e como se acordou, propónselles aos alcaldes, aos grupos municipais da oposición e ao presidente da Deputación Provincial de Ourense para que o asinen co fin de amosar publicamente o apoio ás demandas do sector. Posteriormente, enviaráselles ás administracións implicadas para que actúen definitivamente na busca de solucións á situación do sector.
En todas estas reunións celebradas con distintas administracións –Xunta de Galicia en Ourense, Deputación ourensá e concellos-, UUAA logrou espertar certa sensibilidade por parte destas autoridades cara á problemática destes produtores e confía na súa implicación para acadar solucións definitivas á grave situación deste sector fundamental para a economía do sector primario, sobre todo na comarca da Limia.
|





 |
- Mobilización contra do recorte das axudas da PAC.
- Presentación Proxecto Si Rural.
- Recortes nas axudas a cotitularidade. |










|